Enreguéifate arrinca unha oitava edición de puro magnetismo

Bota a andar a oitava edición de Enreguéifate, o proxecto impulsado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Pontevedra, Ames, Carballo, Santiago de Compostela e Teo que reivindica o valor da improvisación oral en verso, a regueifa, como unha das expresións máis representativas da poesía popular oral galega e como unha vía para fomentar o uso da lingua galega, especialmente entre a mocidade.

Unha xornada para poñer en valor a regueifa como ferramenta didáctica entre o profesorado, obradoiros escolares e o agardado certame regueifeiro son as tres propostas deste proxecto.

Obradoiro para o profesorado

Enreguéifate, puro magnetismo é o lema desta oitava edición, que dará comezo cun obradoiro de formación para o profesorado. Terá lugar o venres 18 de outubro nas Escolas do Xardín Agra de Caldas, en Carballo, e estará impartido por Manolo Maseda, Séchu Sende, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira. Trátase dunha actividade gratuíta para a que está aberta a inscrición até o 15 de outubro. O seu obxectivo é dar a coñecer o valor da regueifa como ferramenta didáctica.

Obradoiros escolares para estender o poder magnético da regueifa

Segundo explicou o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Demetrio Gómez, o alumnado volve ser o destinatario principal deste proxecto. Durante o primeiro e segundo trimestre realizaranse preto de oitenta obradoiros de improvisación oral destinados ao alumnado de 5.º e 6.º de Primaria e da ESO en centros educativos dos concellos impulsores da iniciativa. Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, O Rabelo e Xairo de Herbón serán nesta edición as persoas encargadas de impartir estas accións formativas. «Unha aposta decidida  por introducir a práctica regueifeira nas aulas, como un xeito de promover a normalización e valorización da nosa lingua, sabendo que o uso do galego no ámbito educativo e cultural é clave para manter vivo o idioma entre as novas xeracións», en palabras de Demetrio Gómez.

Certame regueifeiro

Unha parte imprescindible do Enreguéifate é o certame de regueifas en vídeo. O prazo para participar estará aberto entre o 20 de xaneiro e o 20 de marzo de 2025. As persoas interesadas deberán enviar un vídeo no que aparezan, como mínimo, dúas persoas regueifando en galego e cunha duración máxima de 3 minutos. A inscrición poderá realizarse desde a páxina web do Enreguéifate, onde están xa dispoñibles as bases completas do certame. 

Unha das novidades deste ano é que se ampliará o número de premios de 6 a 8 en cada unha das categorías: na xeral, aberta a calquera persoa; e na escolar, para alumnado dos centros educativos galegos non universitarios. Deste xeito, amais dos xa tradicionais regueipremios para a regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada e mellor falada, este ano tamén haberá galardóns para a regueifa máis inclusiva e a máis entroideira. Os galardóns entregaranse nunha gala que este ano volverá ser un fin de festa conxunto dos proxectos Enreguéifate e Regueifesta.