Enreguéifate arrinca unha novena edición «doutro universo»

Xa está en marcha a novena edición de Enreguéifate, proxecto impulsado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, e que continúa a consolidarse como referente para a divulgación da improvisación oral en verso como vía para revitalizar o uso do galego, especialmente entre a mocidade.

Na presentación oficial participaron o alcalde de Ames, Blas García Piñeiro; a concelleira de Normalización Lingüística de Arzúa, Lucía López Sobrado; a concelleira de Carballo, Maruxa Suárez Cotelo; o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Demetrio Gómez Xunqueira; a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín Rei; e as formadoras e formadores do Enreguéifate Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, Xairo de Herbón e Manuele Pardo, que abriron o acto regueifando. Á cita asistiron ademais responsables de normalización lingüística dos concellos impulsores.

Enreguéifate, versos doutro universo

O programa de actividades arrinca o venres 14 de novembro cun obradoiro de formación para o profesorado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns (Ames), conducido por Manolo Maseda, Séchu Sende, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira. A actividade, gratuíta e con inscrición aberta ata o 12 de novembro, a través da web do Enreguéifate, ofrecerá a 45 docentes de toda Galicia a oportunidade de coñecer o valor da regueifa como ferramenta didáctica. A través da improvisación oral, as persoas participantes explorarán estratexias para fomentar a expresión, a empatía e o traballo en equipo nas aulas, transmitindo ao alumnado valores como a diversidade, a cooperación, a integración ou o feminismo.

Preto de 80 obradoiros escolares

Durante o primeiro e segundo trimestre do curso realizaranse preto de 80 obradoiros de improvisación oral destinados a escolares de 5º e 6º de primaria e da ESO dos concellos participantes. Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, O Rabelo, Xairo de Herbón, Cristian de Burela e Manuele Pardo serán nesta edición as persoas encargadas de impartir as sesións formativas destinadas a espertar no alumnado o ánimo e a curiosidade polos xéneros de improvisación oral en galego.

Un certame para sumar tripulantes na nave da regueifa

O certame de regueifas en vídeo repite como unha das citas máis agardadas. O prazo para participar estará aberto entre o do 12 de xaneiro ao 6 de marzo de 2026. A inscrición poderá realizarse a través da web do Enreguéifate, onde tamén estarán dispoñibles as bases completas do certame. As persoas interesadas deberán enviar un vídeo no que participen, como mínimo, dúas persoas regueifando en galego sobre un tema libre, cunha duración máxima de tres minutos.

Este ano volverán outorgarse oito premios por cada categoría –escolar e xeral–, para recoñecer non só quen fai mellor as regueifas, senón tamén quen as emprega para fomentar a inclusión, para reclamar ou denunciar inxustizas, para amosar a nosa diversidade ou para difundir as nosas tradicións. Así, haberá regueipremios para os mellores vídeos nas modalidades de regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada, mellor falada, máis inclusiva e máis entroideira.

A entrega dos galardóns terá lugar desta volta en Pontevedra, como apuntou o concelleiro de Normalización Lingüística do concello pontevedrés, Demetrio Gómez Xunqueira. O Teatro Principal de Pontevedra acollerá o xoves, 16 de abril de 2026, o encontro que reunirá a comunidade regueifeira de todo o país, nunha celebración que pretende “recoñecer o esforzo dos centros educativos, das familias, das agrupacións culturais e das persoas que, coa súa participación no Enreguéifate, axudan a manter máis viva ca nunca a nosa tradición”.