En marcha unha nova edición do Ben Veñas, Maio

Bota a andar unha nova edición do Ben Veñas, Maio. Este certame multidisciplinar, con máis de trinta anos de traxectoria, é xa todo un referente no ámbito da promoción da lingua galega no eido artístico, cultural e creativo entre a mocidade pontevedresa. Está organizado pola Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos IES e CIFP pontevedreses, e conta coa colaboración co Concello de Pontevedra.

A presente edición arrinca cunha serie de novidades salientables con respecto a anos anteriores, entre as que destaca o feito de abrir a participación a todo o alumnado matriculado nos IES e CIFP do Concello de Pontevedra (sexan públicos, privados ou concertados) en calquera dos cursos de secundaria, bacharelato ou ciclos formativos. O obxectivo é acadar unha maior utilización do idioma galego por parte das xeracións máis novas incentivando a creatividade, a participación e a comunicación en galego, así como a reflexión sobre o uso e a situación social da nosa lingua.

O edil de Normalización Lingüística manifestou o «orgullo de participar coa coordinadora de profesores e profesoras dos equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, porque son xa máis de 30 anos da súa constitución. Por aquí pasaron moitas profesoras e profesores, algúns xa xubilados. O equipo segue en pé, o traballo continúa, demostrando que son quen de adaptárense aos novos tempos para seguir interesando a rapazada pola creación en galego e por ofrecerlles aos mozos e mozas de Pontevedra un espazo de socialización en galego».

Outra mudanza ten que ver coa forma de participar nos certames de poesía e narración curta, que este ano terán carácter presencial nos propios centros de ensino (que fixarán cadansúa convocatoria entre o 2 e o 12 de maio). A temática será libre, mais deberán facer algunha referencia á obra de Begoña Caamaño, «concretamente a Morgana ou Circe, protagonistas das súas obras», explicou Manuel Xiráldez, coordinador do certame nesta edición. O IES Sánchez Cantón será o primeiro en realizar as probas o día 5 de maio.

Ademais, desaparecen os certames de reels e curtametraxes, e o certame musical transfórmase nunha mostra de música que se desenvolverá durante a gala. Os grupos ou solistas interesados en participar na mostra poderán inscribirse ata o martes 12 de maio (folla de inscrición e necesidades técnicas).

Mantéñense as contías dos premios en cada certame, mais converteranse en vales para gastar en libros (no caso dos certames de poesía e narración curta) e en libros e material de papelaría (no caso dos certames de banda deseñada, fotografía e a mostra musical).

As persoas coordinadoras dos Equipos de Dinamización Lingüística de cada centro formarán parte do xurado do Ben Veñas, Maio, que este ano estará coordinado por Manuel Xiráldez, responsable do EDL do IES A Xunqueira 2.

O prazo de admisión de traballos remata o 12 de maio de 2026. O anuncio do veredicto do xurado e a entrega de premios realizaranse nunha gala na que se integrará a I Mostra Musical Ben Veñas, Maio, o sábado 30 de maio de 2025, ás 18 horas no salón de actos do Pazo da Cultura.

Consulta as bases completas.