O Concello de Pontevedra pon en marcha unha nova edición do certame de contos orais non profesionais Bótalle un conto, unha iniciativa de normalización lingüística que busca prestixiar e visibilizar a viveza e a variedade das falas locais, así como mostrar e poñer en valor a habilidade para emocionar e engaiolar coa palabra.
Calquera persoa pode participar no certame, que este ano, como novidade e co fin de promover a participación interxeracional, está a traballar cos departamentos de lingua dos centros de ensino do concello para promover a participación entre o alumnado de secundaria.
As persoas que queiran participar pódense inscribir a través do número de teléfono 651 720 350, en horario de 9 a 14 h ou a través dun formulario en liña que está xa activo. «Queremos que isto sexa moi doado e que todo o mundo poida animarse. Quen pode participar? Esas persoas que logo do xantar contan algo que faga rir, que nos meta o medo no corpo ou que, simplemente, nos faga quedar alí pegados escoitando», explicou na presentación Demetrio Gómez, concelleiro de Normalización Lingüística.
Logo das inscricións, a organización acordará unha serie de datas entre abril e maio para gravar os contos nos locais sociais do concello ou parroquias. Cómpre levalos ensaiados, xa que a duración non pode exceder os 4 minutos. De entre todas as persoas que participen, un xurado seleccionará as finalistas, que pasarán a participar na final do domingo 26 de maio ás 19 h no Teatro Principal. A persoa gañadora será premiada cunha cea para dúas persoas no Eirado da Leña. Os outros tres contos mellor situados e votados tamén terán a opción de cear en distintos establecementos pontevedreses e gozar da gastronomía local.
Se tes un conto que contar, anímate a participar!