Volve Bótalle un conto, o certame de contos orais relatados por persoas non profesionais que o Concello de Pontevedra leva realizando desde 2022. Con esta iniciativa de normalización lingüística búscase prestixiar e facer visibles as persoas galegofalantes de Pontevedra, promover a participación interxeracional e a cohesión entre os distintos territorios do concello, poñer en valor os nosos trazos dialectais, visibilizar a variedade e a viveza das falas pontevedresas e mostrar a habilidade para emocionar e engaiolar desde a nosa lingua. A actividade incide no uso do idioma e na percepción da utilidade da lingua tanto das persoas que participan contando como do público que asiste, xa que apodera as falas locais.
Nesta edición quérese animar a participar á mocidade, para o que se prevén gravacións nos centros de ensino e premios adecuados para menores de 18 anos.
Para participar hai que contar unha historia, anécdota ou conto. Terá que durar como máximo 4 minutos e ser en galego. O concurso constará de dúas fases: a fase eliminatoria gravarase en distintos locais sociais, na cidade e nas parroquias, segundo o calendario que se lles irá anunciando ás persoas inscritas. Un xurado formado por persoas contadoras profesionais seleccionará os contos que participarán na final, aberta ao público, o sábado 13 de decembro, ás 19 horas.
Os catro contos máis valorados terán premio: no caso de concursantes maiores de idade, unha cea para dúas persoas; as persoas menores de 18 anos que resulten premiadas gañarán un vale para gastar no comercio local en libros e material en galego.
As inscricións están abertas ata o 6 de novembro e fanse a través do formulario que xa está aberto en apuntate.pontevedra.gal ou no teléfono 651 720 350, en horario de 9 a 14 horas.



