É TÚA. PÁSAA!

É túa. Pásaa! é o lema elixido para a nova campaña de Alingua, unha chamada á acción que apela ao uso individual e colectivo do galego, así como á súa transmisión.

O lema pode lerse xa en grandes lonas penduradas nos edificios municipais dos concellos que forman parte de Alingua e tamén en valos publicitarios. Ademais, a veciñanza, os comercios e os colectivos que queiran facer visible o seu apoio á campaña, poderán recoller bandeirolas e vinilos promocionais no Concello de Pontevedra, tanto no edificio de Michelena 30 como no SNL, na rúa dos Churruchaos.

Para axudar a transmitir esta mensaxe, a campaña apóiase nun vídeo musical orixinal realizado por Grande Amore, destacado artista do panorama musical actual, e pola recoñecida cantante e comunicadora Fátima Pego, que xa pode verse e escoitarse nesta ligazón.

Xunto ao vídeo musical, durante o mes de maio estrearase nas distintas canles de Alingua a webserie en formato vlog O gran reto, na que tres persoas castelanfalantes amosarán a súa experiencia vivindo en galego durante 21 días. A creadora de contido María Rúa será a presentadora deste proxecto, no que cada protagonista fará un capítulo semanal relatando a súa experiencia, co obxectivo de animar a que a xente se implique neste gran reto de probar a falar en galego.

Durante os vindeiros meses, ademais, Alingua irá publicando nas súas redes entrevistas a persoas de diversos ámbitos que achegarán as súas vivencias coa lingua, así como novos recursos en galego e sorteos.