Dous centros do concello de Pontevedra entre os gañadores do Enreguéifate 2025

Prometía ser unha edición de “puro magnetismo” e non decepcionou. O Enreguéifate 2025 pechou inscricións cun total de 96 vídeos recibidos, con participantes procedentes de máis dunha vintena de concellos galegos. Unha cifra de récord que confirma a boa saúde da regueifa e da improvisación oral.

Como en edicións anteriores, o certame impulsado polos servizos de normalización dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo contou con dúas categorías: unha xeral e outra escolar. Nesta ocasión, eran oito os premios que se repartían en cada unha delas: á regueifa máis brava, á máis aguda, á máis diversa, á máis reivindicativa, á mellor cantada, á mellor falada, á máis inclusiva e á máis entroideira.

Dous dous premios foron para centros escolares do concello de Pontevedra. O premio á regueifa máis entroideira na categoría escolar foi para o CEIP de San Martiño, con O Entroido galego. Na categoría xeral, a comunidade educativa do IES Luís Seoane levou o premio á regueifa máis reivindicativa con Se nós fósemos ministras.

O xurado estivo composto por Manolo Maseda, mestre, músico e regueifeiro; Séchu Sende, mestre, escritor e regueifeiro; Bea Vilaverde, técnica do Departamento de Lingua do Concello de Santiago de Compostela; e Lucía Ferro, técnica do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames.

O 19 de maio, ás 11:30 horas, terá lugar a entrega de premios nunha gala no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. O evento será ademais unha celebración conxunta co Regueibertso, un programa apoiado pola Deputación da Coruña que procura a sensibilización lingüística e a difusión da regueifa e o bertsolarismo entre a xente nova. Xurdido en 2016 dentro do Proxecto Regueifesta, colectivo educativo da Asociación ORAL, o Regueibertso consiste nun intercambio entre alumnado improvisador de Galicia e do País Vasco. Este ano, a convivencia entre escolares regueifeiras e bertsolaris terá lugar en Santiago de Compostela durante a fin de semana das Letras Galegas e concluirá coa participación da rapazada na gala do Enreguéifate – Regueibertso.

Estes son os vídeos gañadores, que poden verse no web do certame ou na canle de Youtube:

CATEGORÍA XERAL

A máis brava

PACO FELÍPEZ E ÓSCAR GARCÍA, con Veciños ben levados (Carballo e Malpica)

A máis aguda

ARRIEIRO E CHAMINHO, con Vídeo-regueifa Atlántica (Malpica e A Coruña)

A máis diversa

ESCOLA DA REGUEIFA DE CARBALLO, con A nosa propia melodía (Carballo)

A máis reivindicativa

MINISTRAS, con Se nós fósemos ministras (Pontevedra)

A mellor cantada

ASOCIACIÓN CULTURAL CORO VIRXE DA RENDA, con Cantar e desfrutar (Poio)

A mellor falada (ex aequo)

GUERREIRAS REGUEIFEIRAS, con Cidades galegas (Santiago de Compostela)

IRIA E JAVI, con Vivan as nosas poetas (Santiago de Compostela)

A máis inclusiva

TEISEIROS REGUEIFEIROS, con Non hai quen viva! Regueifa do alugueiro (Centro de Inclusión Fundación da Santa Cruz en Vigo)

A máis entroideira

Premio deserto

CATEGORÍA ESCOLAR

A máis brava

OS FALABARATO

CEIP Plurilingüe de Nétoma-Razo (Carballo)

A máis aguda

REGUEIFA DO BANQUETE

CEIP Plurilingüe Cardeal Quiroga Palacios (Santiago de Compostela)

A máis diversa

REGUEIFA POLA DIVERSIDADE

IES Pluringüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela)

A máis reivindicativa

ALTRI NON! MINA NON!

IES Marco do Camballón (Vila de Cruces)

A mellor cantada

EMOCIÓN OU RAZÓN?

CPI Eusebio Lorenzo Baleirón Tarrío (Dodro)

A mellor falada

CONTINUEMOS CO LEGADO

CPI As Revoltas (Cabana de Bergantiños)

A máis inclusiva

SOMOS DIFERENTES, SOMOS REFERENTES!

IES do Milladoiro e Cee Manuel Navalón (Ames e Santiago de Compostela)

A máis entroideira

O ENTROIDO GALEGO

CEIP San Martiño (Pontevedra)