O Equipo de Dinamización da Lingua Galega da EOI de Pontevedra, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, convoca o XVI Certame de Microrrelato en Galego para fomentar a creación literaria na nosa lingua e dar a coñecer novos talentos.
O certame está aberto á participación de calquera persoa maior de 14 de anos, sexa ou non alumna da Escola. Terá carácter presencial e realizarase o 12 de marzo ás 17.30 h na aula 19 da EOI de Pontevedra, no IES Valle-Inclán e tamén no IES Ramón Mª Aller Ulloa, en Lalín.
As persoas participantes deberán redactar un microrrelato en galego sen superaren as 150 palabras e utilizando obrigatoriamente as tres palabras que se comunicarán no comezo. Un xurado composto por profesorado da EOI e membros do EDLG escollerá tres relatos, que serán premiados con vales de 100, 150 e 200 euros para gastar en libros, DV e CD en galego.
Na presentación do certame, Demetrio Gómez, edil de Normalización Lingüística, destacou o labor do Equipo de Dinamización da Lingua da EOI, e agradeceu «o traballo continuado ao longo de todo ano e desde hai anos para levar adiante, entre outras iniciativas, o certame de microrrelato en galego, que chega este ano á súa décimo sexta edición».
Pola súa parte, a directora da EOI, María Fernández, agradeceulle ao Concello «a colaboración para sufragar o certame, que é o xeito de premiar o talento das persoas que participan e dinamizan a lingua galega a través deasta actividade. É unha cita habitual no noso calendario cultural, que non é unha competición literaria senón unha forma de demostrar que a lingua galega está viva e pode ser empregada en calquera contexto cotián e tamén para a creación artística. É un formato que atrae públicos moi diversos e especialmente xente nova».
As bases completas do certame poden consultarse en aquí.




