Coa chegada da primavera comeza unha nova serie de actividades do programa Apego no concello de Pontevedra. A programación que se desenvolve no marco deste programa está dirixida a familias con crianzas de 0 a 6 anos, ou que están á espera dun bebé, e ten como obxectivo arroupar e acompañar a crianza en galego. A través de distintas actividades, as familias adquiren recursos e ferramentas que contribúen á activación e ao enriquecemento da nosa lingua no seo familiar, ao tempo que tecen redes e acceden a espazos de socialización en galego.
Aínda que todas as actividades da programación, que se vai estender desde abril ata xuño, son de balde, cómpre inscribirse previamente en apuntate.pontevedra.gal, xa que a cabida é limitada.
De 0 a 3 anos
O programa inclúe actividades específicas para familias con bebés de 0 a 3 anos, que estarán guiadas por Marcelo Dobode, Bea Martínez, Soledad Felloza, Marta Ortiz e Atenea García. O noso patrimonio lúdico e musical, a narración oral ou os xogos iniciáticos son o centro destas sesións, que pretenden iniciar as crianzas máis pequenas na lingua galega ao tempo que as familias adquiren recursos para reforzar os lazos afectivos e crear espazos de calma ou diversión. A compañía Percubebés, formada por Marcelo Dobode (voz e narración) e Bea Martínez (arpa), realizará dúas sesións de O almanaque musical (30 de abril), unha actividade de xogos e música para coñecer o ciclo do ano, as lúas, as mareas ou as festas a través do canto e do baile. Pola súa banda, Soledad Felloza, levará a cabo dúas sesións de Contiños e xogos de Lup (9 de maio), narración oral para a primeira infancia con contos, trabalinguas, xogos de dedos, adiviñas e cantigas. Marta Ortiz acompañará as familias en dúas quendas de Casa, casiña, casona (23 de maio), un obradoiro baseado no asombro no que as familias aprenderán primeiros cantos, arrolos e poemas para forxar a casa que irán construíndo ao longo das súas vidas. E haberá tamén dúas quendas de Corochas (30 de maio), actividade de Atenea García que usa o conto acumulativo, a canción e o xogo de imitación para dar a coñecer novas paisaxes e personaxes.
A partir de 4 anos
As familias con crianzas a partir de 4 anos poderán gozar de dous obradoiros. En Cianotipia (12 de abril), actividade guiada por Alouette Machine, aprenderán a fotografar con luz solar e auga algunhas plantas da nosa contorna, ao tempo que as crianzas aprenden a recoñecelas e nomealas. Para cantar e bailar (5 de xuño) é un obradoiro guiado por Luís Prego e Samuel Soto para aprender cantigas, danzas sinxelas e xogos cantados e bailados.
De 0 a 6 anos
O programa péchase o 10 de xuño cunha xornada festiva: Brincadeiras miudiñas, con Cé Orquestra Pantasma. Esta actividade está pensada para que poidan gozar dela todas as familias do Apego con independencia da idade das crianzas, xa que haberá música, xogos tradicionais, creación libre e tamén espazo para bebés.
Un pobo con historia de seu
Ademais, a historia de Galicia desde a Prehistoria ata o século XX está a ser o fío condutor dunha serie de actividades guiadas por Polo Correo do Vento e Ab Origine no marco do programa Apego. Estas sesións desenvólvense ao longo do ano en distintas parroquias e localizacións do concello de Pontevedra. Trátase de actividades de hora e media de duración, que constan dunha pequena explicación didáctica, un conto, un obradoiro de debuxo guiado e un obradoiro de artesanía. As xornadas, que contan co acompañamento musical de Marcelo Dobode, están orientadas e adaptadas para que as familias con crianzas a partir de 3 anos entren en contacto coa antropoloxía da cultura e a historia propia dunha maneira interxeracional e lúdica. Estas actividades teñen formulario de inscrición propio.
As familias do concello de Pontevedra con crianzas de 0 a 6 anos que queiran formar parte do programa Apego, poden solicitar unha cita para sumarse cubrindo este formulario ou escribindo a normalizacionlinguistica@pontevedra.eu.
O cartel coa programación é un deseño de Tania Solla. Preme aquí para descargalo en PDF.