O programa Apego de Pontevedra ofrecerá durante este outono un amplo e diverso programa de actividades orientadas a familias con crianzas de 0 a 6 anos, co obxectivo de lles achegar espazos de lecer e socialización en galego, así como recursos para medrar na nosa lingua. Todas as actividades son de balde, mais cómpre inscribirse previamente xa que a cabida é limitada. Existen dous formularios de inscrición xa activos: un para as actividades do Apego no outono e outro específico para as actividades relacionadas con oficios e saberes. As prazas adxudicaranse por orde de inscrición, dándolles prioridade ás solicitudes de familias do concello de Pontevedra que formen parte do programa.
As familias con crianzas nas primeiras etapas (0-3) poderán escoller entre diversos obradoiros centrados en cantigas, arrolos, recitados, xogos de dedos e contos, elementos fundamentais do noso patrimonio oral, lúdico e musical, que constitúen un valioso recurso para reforzar os vínculos afectivos, crear espazos de calma ou de diversión e iniciar os bebés na linguaxe. Para guiar estas propostas, o Apego conta coa colaboración profesional de Luís Prego, Samuel Soto, Marta Ortiz, Marcelo Dobode, Beatriz Martínez, Cris de Caldas, Vero Rilo e Luís Iglesias.
Para as etapas de 3 a 6 hai tamén actividades específicas. O pozo do encanto é unha peculiar sesión de narración oral e música a cargo de Lydia Botana, que vén acompañada do seu kamishibai, un teatriño tradicional xaponés que utiliza láminas de papel para narrar historias. Esta actividade compleméntase cunha mostra de recursos para a crianza en galego. A galiña dos ovos de conto é un obradoiro creativo que axunta narración oral e arte plástica a través de personaxes de conto elaborados con pasta de papel reciclada.
A etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth, falecida en 2023, será a protagonista dunha actividade orientada a familias con crianzas entre 2 e 6 anos, guiada por Sonsoles Penadique. Trátase dun obradoiro musical para cantar, bailar, xogar e aprender sobre o repertorio da nosa música popular recollido por Dorothé durante as súas viaxes polas aldeas galegas nos anos 70 e 80.
Durante as fins de semana continuará o ciclo de actividades centradas no mundo dos oficios tradicionais galegos e o artesanado, a cargo de Polo Correo do Vento e Ab Origine e con dinamización musical de Marcelo Dobode. As sesións, de hora e media de duración, desenvólvense en distintas parroquias e localizacións do concello de Pontevedra e constan dunha pequena explicación de carácter antropolóxico, un contacontos, un obradoiro de debuxo guiado e un obradoiro de artesanía. Están orientadas e adaptadas para que as familias con crianzas a partir de 3 anos entren en contacto coa antropoloxía da cultura propia dunha maneira interxeracional e lúdica, a través dos oficios e saberes populares.
As familias do concello de Pontevedra con crianzas de 0 a 6 anos que queiran formar parte do programa Apego, poden solicitar unha cita para sumarse aquí ou escribindo a normalizaciónlinguistica@pontevedra.eu.
O cartel coa programación pódese descargar aquí.