CLUB DE DEBATE ALINGUA 2023

O Club de Debate Alingua é un proxecto de dinamización lingüística dirixido á mocidade, organizado por varios concellos galegos, que conta coa colaboración dos centros de ensino secundario e que vai pola XI edición.

Teo acolleu o luns 24 de abril a segunda das dúas fases de zona desta edición, na que participaron oito equipos procedentes de institutos de Pontevedra, Ferrol, Negreira e Santa Comba, que previamente asisitiron a unha xornada de formación para orientar a práctica de habilidades comunicativas e coñecer mellor o funcionamento dos debates.

Desde Pontevedra desprazáronse para participar tres equipos: un do IES Luís Seoane e dous do colexio Calasancio, que tiveron a oportunidade de debater e intercambiar ideas cos outros equipos, nunha xornada marcada pola inmersión lingüística e a socialización en galego.

A actividade desenvolveuse como un torneo por equipos, con debates dous a dous nunha fase de zona e nunha final, onde todas as persoas participantes tiveron que preparar e defender dúas posicións —a favor e en contra— respecto ao tema proposto: «Somos menos sociais coas redes sociais». Os debates desta xornada están dispoñibles na canle de Youtube do Concello de Teo.

Os equipos gañadores desta fase participarán na final que terá lugar en Ames o sábado 3 de xuño. A través do Facebook e do Instagram do Club de Debate irase actualizando toda a información sobre o desenvolvemento da actividade.

O Club de debate está coordinado desde os servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo,  Ferrol, Pontevedra, Rois-Dodro, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra, e a participación formalízana os centros de ensino.