Bota a andar unha nova edición de Youtubeiras+, proxecto de normalización lingüística que ten como obxectivos estimular a creación en galego nas redes sociais, darlles visibilidade ás persoas creadoras de contidos e fomentar a variedade de temas que se tratan na nosa lingua. Esta novena edición arrinca baixo o lema Alborota o algoritmo, un chamamento a rachar con este elemento tan presente hoxe nas redes sociais e superar todas as trabas que invisibilizan o noso idioma e penalizan as persoas que crean contidos en galego.
Certame Youtubeiras+
Un dos dous piares fundamentais deste proxecto é o concurso Youtubeiras+, que ata o ano pasado só permitía a participación de quen lanzase os seus contidos en galego a través de Youtube ou TikTok, mais que nesta edición amplía o seu campo de acción e permite competir ás persoas maiores de 16 anos que teñan canles autoproducidas en calquera rede social que estea en activo e accesible durante o certame.
Youtubeiras+ repartirá 7500 € entre as persoas gañadoras das sete categorías nas que se divide o certame este ano: Canle, Creación de contidos, Podcast, Revelación, Calidade lingüística, Rede e Premio do Público. Todos os premios están dotados con 1000 €, agás os das dúas primeiras categorías, cuxos galardóns ascenden aos 1250 €. O prazo de inscrición xa está aberto e remata o próximo 16 de novembro ás 23.59 horas. Desde aquí podes: acceder ao formulario de inscrición e facer a túa suxestión para Premio do Público.
O xurado que escollerá as canles e persoas gañadoras deste ano está composto por Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense; Jon Amil, médico e presidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL); Carlos Pereiro, xornalista e comunicador de videoxogos; María Rúa, creadora de contidos e gañadora do Premio á Creación de Contidos de 2024, e Uxío Broullón, ilustrador e deseñador gráfico.
As bases completas para participar están accesibles en youtubeiras.gal.
Obradoiros Youtubeiras+
Outro dos piares sobre os que se asenta o proxecto é o da formación. Co fin de contribuír ao crecemento da comunidade que crea contidos en galego, Youtubeiras+ promove unha serie de obradoiros teórico-prácticos orientados ao alumnado de 3º e 4º da ESO, bacharelato e ciclos formativos, mais tamén a docentes e público xeral. Desenvolveranse, baixo demanda, entre os meses de maio de 2025 e marzo de 2026. Os contidos foron deseñados por Nuria Espasandín e Sergio Casal, de Toxío, e por Laura Veiga, de Pingando, que tamén se encargan da docencia. Cada actividade estará impartida por dúas persoas docentes e para un máximo de até 50 asistentes.
Youtubeiras+ é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo e da Deputación da Coruña.




