Chamadeiros de Xeve: Couso

Na linguaxe viva actual, unha cousa e un couso vén sendo un obxecto ou ser inanimado de nome descoñecido (tamén chintófano segundo o dicionario da RAG) en contraposición a un ser vivo, mais na linguaxe cultivada e histórica ambas voces significan cousas ben distintas. Así, os dicionarios definen a voz que hoxe nos ocupa como un “depósito onde se garda o gran dos cereais / Departamento da arca ou hucha / Pequena veiga cercada ou lugar da horta que se destina ao cultivo de legumes”.

A propósito desta última acepción, Cabeza Quiles (2008:228) cre que a voz couso, derivada do latín CURSUS co significado de “lugar cercado”, nada ten que ver co substantivo castelán coso. Sen embargo esta tese estaría confirmada -cremos- no caso do Alto do Couso, un coto situado a 361 metros de altura no Monte Acibal, no que se erguen en relativamente bo estado de conservación catro espazos cercados ou curros que tiveron por obxecto o resgardo de gando salvaxe, nomeadamente cabalos. Esta voz couso é a mesma que algúns dicionarios recollen como sinónimo dos foxos do lobo, denominados así no NE de Galicia.

Cousa distinta sería o do núcleo de poboación de Xeve coñecido como Couso (a veciñanza refírese a el sen artigo, malia que o NG establece o contrario). Este topónimo, documentado nas parroquias pontevedresas de Lérez e os Xeves (Sta María e Sto André), derivaría, segundo Cabeza Quiles (2008:226) da voz latina CAPSUS ou CAPSUM, co significado de “caixa” ou “caixón”, de maneira que “no momento da creación do topónimo debeu ser aplicado a terreos ou depresións orográficas que semellaban e recordaban caixóns, caixas, depósitos ou recipientes domésticos, se ben neste e noutros topónimos orográficos de depresións que parecen comparar estas cos devanditos instrumentos cóncavos, puido suceder ao revés, e ser o topónimo a base e a inspiración do posterior substantivo común”. Esta condición orográfica sería compartida polos lugares habitados denominados Couso (con ou sen artigo) que coñecemos na parroquia de Curro (Barro), na parroquia de A Laxe (Fornelos de Montes), na freguesía homónima de Campo Lameiro, ou o nas parroquias de Morgadáns (Gondomar) e Guláns (Ponteareas), mais o NG recolle máis de medio cento, e non puidemos comprobalos todos.

Na diplomática medieval documentamos por vez primeira o topónimo Couso, concretamente o río homónimo, nun pergameo procedente do mosteiro de Lérez[1], datado no 916, onde lemos:

 (…) & de Canoso. et inde ad portum de rio de Couso via publica, & inde ad in prono ubi se miscet (…)

[1]  Flórez, H., España Sagrada 17, 18, 19 e 22. Doc. nº 5382; páxs. 354-358

Xa vedes qué cousas teñen os cousos.