CeibaRimas encherá a alameda de Pontevedra de rap improvisado en galego

A alameda de Pontevedra acollerá o 18 de outubro o quinto aniversario da Liga CeibaRimas, a competición de freestyle en galego que pretende dinamizar o uso da lingua entre a mocidade a través da promoción de espazos para a improvisación oral.

A competición, aberta a calquera persoa maior de 12 anos que queira participar, dará comezo ás 18 h e prolongarase durante aproximadamente cinco horas. As inscricións son de balde e pódense facer a través deste formulario. As persoas participantes enfrontaranse en batallas nas que deberán desenvolver diferentes xogos de improvisación sobre bases de hip-hop: rimar utilizando certas palabras, sobre unha temática concreta ou defendendo posturas opostas. O xurado formado por High Paw, Hugo Guezeta, Nadie González, Franz Huxley e Alba María valorará as rimas, a técnica, a posta en escena ou o uso da lingua en cada unha das fases e outorgará máis de mil euros en premios.

A xornada contará con música en directo para facer desta cita unha auténtica velada cultural. Actuarán Hugo Guezeta e Nadie González, e haberá tamén un espazo de artistas emerxentes con concertos breves de Pappaquino, Queen Rendi, Misoskatos, Os Fortes e Area Rosae, que achegarán frescura e novas propostas á escena do rap en galego.

O evento contará con servizo de barra, carpa en caso de choiva e todo o necesario para gozar dunha tarde de cultura urbana na nosa lingua. Como novidade, esta edición poderá verse días despois na plataforma agalega.gal da TVG, reforzando así o obxectivo de CeibaRimas: demostrar que «o freestyle en galego existe e está a medrar con forza».

O proxecto CeibaRimas foi galardoado en 2023 cun dos Premios Mil Primaveras e é xa un referente no ámbito da cultura e da música urbana galega. Ademais da Liga CeibaRimas, promove tamén distintas actividades e xera ferramentas das que calquera persoa pode botar man para mellorar as súas habilidades dentro da disciplina.

As actividades que se promoven baixo o paraugas de CeibaRimas teñen como obxectivo a promoción do uso da lingua galega entre a mocidade a través do rap improvisado. Entre os seus valores destaca tamén a vontade de afastarse das dinámicas machistas que adoitan acompañar as batallas de galos, apostando por un formato feminista onde prime a creatividade por enriba da confrontación.

As bases completas están dispoñibles nesta ligazón.