Castelao e Lourizán

Existe un topónimo na Comboa, na parroquia de Lourizán, que fai referencia a unhas pedras que están desaparecidas baixo os recheos do porto de Marín: A Pedra Longa. Este topónimo está vinculado á figura de Manuel Rey.

Como xa temos apuntado, unha das partes máis interesantes do traballo de recollida é poder recuperar os nomes dos lugares que xa non existen debido á alteración da xeografía nas últimas décadas por parte do ser humano. E neste sentido, a liña de costa entre Pontevedra e Marin sufriu unha profunda alteración. Moitos metros cadrados quedaron sepultados baixo recheos, e con eles moitos accidentes xeográficos e moitos topónimos. Tamén moita riqueza: a que constituían os recursos naturais.

Xa falamos das Pedras Carneiras. A Pedra Longa era outro viveiro natural. Nunha parte, Manuel Rey Pazos, alcumado o Failobos (porque era moi mañoso), tiña un viveiro onde criaba mexilón e ameixa, que exportaba principalmente a Cataluña (tiña unha concesión da Marina). O resto era aproveitado polos veciños para coller diferentes especies de moluscos (mexillón, caramuxo, ameixa) e pescar.

Manuel Rey era o propietario dos terreos entre a Pedra Longa e a estrada vella. Uha ampla superficie onde, ademais do viveiro, tiña unha pensión, unha casa de baños, unha carpinteiría de ribeira, e mesmo cine e baile (chamado a do Changüí). Na súa pensión hospedábase moita xente, tamén algúns personaxes ilustres. Moitas persoas viñan tomar os baños de mar.

Na Posta, a praia dos Praceres, tamén había unha casa de baños, e tamén tiña un baile. Isto facía de Lourizán un lugar frecuentado pola alta sociedade, principalmente durante o primeiro tercio do século XX. Os baños de mar puxéranse de moda entre as clases altas a mediados do século XIX, dende que a raíña Isabel II empezou a frecuentar Donostia/San Sebastián. Hai que sinalar que Montero Ríos establecera a súa residencia galega no Pazo de Lourizán a finais do século XIX, e neste contexto nace o Gran Hotel de Baños de Mar de Los Placeres, que o seu fillo puxo en marcha.

Os médicos recomendaban a auga salada do mar para a saúde. A casa de baños de Manuel Rey ofrecía baños quentes, xa que recollía auga do mar que quentaba nunha caldeira, ademais da hospedaxe na súa pensión. De tódalas persoas que pasaron pola pensión do Failobos, o máis ilustre foi, sen dúbida, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Aínda pervive na memoria oral da parroquia as temporadas que Castelao pasaba hospedado na pensión de Manuel Rey coa súa familia, nos anos 20. Según se conta, o seu fillo Alfonso estaba enfermo (morreu en 1928 con catorce anos) e os médicos recomendáranlle os baños de mar. Era habitual ver a Castelao debaixo da parra que había diante da pensión, debuxando e escribindo.

É de supoñer que foi nese tempo cando debuxou os cruceiros de Lourizán e Cantodarea que logo incluiría na súa obra As cruces de pedra na Galiza.