Arrincan en Pontevedra os obradoiros escolares para mirar e mudar o mundo desde o universo da poesía oral improvisada

Neste primeiro trimestre celebraranse 16 obradoiros de regueifa en sete centros escolares do concello pontevedrés.

Ademais de Pontevedra, os concellos de Ames, Arzúa, Carballo, Santiago de Compostela e Teo impulsan este proxecto de dinamización lingüística.

Os obradoiros escolares da novena edición do Enreguéifate deron comezo en Pontevedra. Antes do Nadal realizaranse 16 obradoiros de regueifa repartidos en sete centros escolares pontevedreses: o CEIP Plurilingüe Praza de Barcelos, o IES A Xunqueira 2, o CEIP Froebel, o CEIP San Martiño, o Colexio Plurilingüe Sagrado Corazón de Xesús, o CEIP de Cabanas e o CEIP de Vilaverde-Mourente. Á volta das vacacións, haberá unha nova rolda de obradoiros cunha vintena de sesións en diversos centros educativos de Pontevedra, que tamén será a sede da entrega de galardóns do certame de regueifas nesta novena edición do Enreguéifate.

En total, entre este mes de novembro e febreiro de 2026 realizaranse preto de 80 obradoiros de improvisación oral destinados a escolares de 5º e 6º de primaria e da ESO dos seis concellos impulsores do proxecto (Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo). Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, O Rabelo, Xairo de Herbón, Cristian de Burela e Manuele Pardo serán as persoas encargadas de impartir as sesións formativas destinadas a espertar no alumnado a curiosidade polos xéneros de improvisación oral en galego.

Enreguéifate, versos doutro universo

Baixo o lema Enreguéifate, versos doutro universo, a novena edición do proxecto procura seguir fomentando o uso do galego a través da improvisación, a creatividade e a retranca, sumando cada vez máis tripulantes nesta nave da regueifa. Amais dos obradoiros de formación, proximamente celebrarase o agardado certame de regueifas en vídeo. O prazo para anotarse e enviar vídeos estará aberto entre o 12 de xaneiro e o 6 de marzo de 2026. Coma en anteriores ocasións, haberá categoría escolar e xeral, para que calquera persoa poida participar. A inscrición poderá realizarse a través da web do Enreguéifate, onde tamén estarán dispoñibles as bases completas do certame. As persoas interesadas deberán enviar un vídeo no que participen, como mínimo, dúas persoas regueifando en galego sobre un tema libre, cunha duración máxima de tres minutos.

Este ano volverán outorgarse oito premios por cada categoría –escolar e xeral–, para recoñecer a regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada, mellor falada, máis inclusiva e máis entroideira. A entrega de premios celebrarase o xoves, 16 de abril de 2026 no Teatro Principal de Pontevedra.