Arranca de novo Youtubeiras 2021

Youtubeiras chega á súa quinta edición neste 2021 para continuar enchendo a Rede de vídeos en galego no Youtube, unha das redes sociais máis grandes e influentes do mundo. Youtubeiras xera contidos propios sobre a creación en galego na Rede e promove a consolidación de referentes na nosa lingua con contidos de crecente calidade.

Dende a súa primeira edición, no ano 2016, Youtubeiras é un espazo dende o cal impulsar a creación en galego e xerar unha comunidade que segue a medrar cada día, con máis canles, contidos máis diversos e máis subscricións.

A edición do 2021 céntrase na oferta de formación especializada e en liña e na  posta en valor das canles que fan un traballo continuado, atenden a súa comunidade e normalizan o uso da lingua galega nesta rede social.

Como cada ano, tamén convocamos os #premiosyoutubeiras2021 que manteñen en 7500 € a contía dos galardóns.

Os youtubeiros e youtubeiras exercen atracción e influencia social. Neste contexto os Premios Youtubeiras son todo un acontecemento de referencia para celebrar e proxectar o galego como lingua viva e con capacidades magnéticas!

Podes consultar as bases na páxina web do proxecto.