Apego no outono 2023!

En Pontevedra dámoslle a benvida ao outono cunha nova programación infantil para as familias do Apego. Durante os vindeiros meses, as crianzas e as súas familias poderán participar dunha ampla variedade de actividades que lles proporcionarán recursos e espazos para aprender, gozar e tecer redes en galego.

As familias con bebés de 0 a 3 anos poderán escoller entre distintas sesións musicais nas que escoitar e aprender cantigas, arrolos ou xogos de dedos, acompañadas por Luís Prego, Samuel Soto e a Fundación Legar. Descubrirán tamén as infindas posibilidades que ofrecen os materiais naturais non estruturados (pólas, liscos de madeira, pedras) para crear un espazo de xogo creativo, grazas ao Espazo Terra de Miudiño. Non van faltar os contos, con Pavís Pavós, para bebés e tamén para idades a partir de catro anos.

As propostas para as crianzas máis maiores van desde un obradoiro de teatro de sombras para xogar a contar historias con Babaluva ata unha xornada de experimentación e construción libre guiada por Miudiño, na que deixar voar a imaxinación utilizando ferramentas reais.

Para as etapas a partir de 3 anos, segue a desenvolverse o ciclo Un país de festas e ritos, co que as familias están percorrer as distintas parroquias pontevedresas, aprendendo sobre os ritos e crenzas que rodean as nosas festas.

A programación complétase cunha actividade formativa para profesionais da educación en etapas de 0 a 6 centrada na música de raíz como ferramenta para poñer en valor a nosa lingua e a nosa cultura. As inscricións para esta xornada faranse por medio do enderezo electrónico normalizacionlinguistica@pontevedra.eu.

Todas as actividades son de balde, mais requiren inscrición previa xa que as prazas son limitadas.

As familias do concello de Pontevedra con crianzas de 0 a 6 anos que queiran formar parte do programa Apego, poden solicitar unha cita para sumarse aquí.

O cartel coa programación pódese descargar aquí.