Unha nova edición do certame Ben, Veñas Maio está xa en marcha. Organizado pola Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos IES e CIFP públicos pontevedreses, e en colaboración co Concello de Pontevedra, este certame multidisciplinar é todo un referente no que ten que ver coa promoción do galego no eido da expresión artística e cultural entre o alumnado dos IES e CIFP públicos do concello de Pontevedra.
O edil de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez, presentou a 31ª edición certame, que agrupa sete modalidades: música, vídeos de Tik Tok e reels de Instagram, curtametraxes, fotografía, banda deseñada, narración curta e poesía. O concelleiro estivo acompañado da profesora do IES Luís Seoane, María Xosé Dourado, cuxo departamento exerce este ano como coordinador do certame.
«Falamos dun certame organizado polos distintos equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino secundario de Pontevedra e que chega xa á súa 31ª edición tentando fomentar a creatividade e a creación artística entre o alumnado do noso concello», indicou Gómez. «Está claro que 31 anos non son poucos para un proxecto, son moitísimos, por iso sempre cómpre parabenizar os distintos equipos e profesorado de lingua galega polo seu labor á hora de mantelo e facelo chegar ata aquí».
O prazo para a recepción de traballos nas distintas modalidades permanecerá aberto ata o venres 12 de abril. O Concello de Pontevedra ofrecerá un total de 3750 euros en premios, que se entregarán durante o clásico certame musical no Teatro Principal, o sábado 11 de maio ás 18 h. Como novidade, este ano realizarase un obradoiro de formación para o alumnado, para que colabore na propia organización da gala.
No imaxinario popular da cidade, Ben Veñas Maio é unha das actividades de Normalización Lingüística máis exitosas, por cuxos distintos certames pasaron centos de participantes ao longo destas tres décadas.
As bases completas do certame pódense consultar aquí.