Abre o prazo de inscrición para participar no grupo Teatro con Lingua

Está aberto o prazo de inscrición para formar parte de Teatro con Lingua, o grupo de teatro promovido pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra. Esta proposta busca dinamizar o uso do galego entre a xente nova, desde os 18 ata os 30 anos, a través da improvisación e a creatividade teatral.

O grupo estará guiado por Vicky Estévez, cofundadora da compañía 105 Besos Teatro e cunha ampla traxectoria como actriz, directora de teatro e guía de grupos de animación á lectura.

Os obxectivos da actividade son achegarse ao teatro amador improvisado en lingua galega, dinamizar o uso oral da lingua entre a xente nova, promover o galego como lingua de socialización, estimular a creatividade e reflexionar con ollada crítica sobre diferentes temáticas.

Os ensaios terán lugar no Centro Sur, en Campolongo, os mércores de 19 h a 21 h. Comezarán o mércores 5 de febreiro e estenderanse ata o 25 de xuño. Unha vez rematado o curso, o grupo fará unha montaxe final aberta ao público.

As prazas son limitadas. Para solicitar unha cómpre enviar un correo electrónico a normalizacionlinguistica@pontevedra.eu indicando nome completo, idade, teléfono e enderezo electrónico.