Youtubeiras chega á sétima edición no 2023 para incentivar, consolidar e difundir a creación de vídeos en galego no YouTube, así como para promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas creadoras na Rede. Baixo o lema Rede aberta, rede diversa!, esta nova edición pon o foco sobre a diversidade da comunidade de persoas creadoras en galego, en constante crecemento e capaz de abranguer nas súas canles temáticas e formatos diversos.
O prazo de inscrición nos premios permanecerá aberto entre o 21 de setembro e o 17 de novembro. A través do formulario web dispoñible en youtubeiras.gal, calquera persoa cunha canle de YouTube autoproducida poderá inscribirse no certame. Os vídeos que se presenten deberán estar subidos con data posterior ao 15 de novembro do 2022 e cumprir as condicións que se establecen nas bases. A participación é de balde e está aberta ao ámbito internacional.
A contía dos premios é de 7500 euros, repartidos entre oito categorías: Canle, Youtubeira, Youtubeira Revelación, Vídeo, Calidade Lingüística, Pioneiro, Rede e Premio do Público. As sete primeiras están dotadas con 1000 euros e ao Premio do Público destínanse 500 euros. Cada persoa participante poderá recibir un único premio e ser finalista en dúas categorías.
O xurado deste ano confórmano cinco persoas con experiencia no audiovisual, a xeración de contidos dixitais e o traballo na área da normalización da lingua. Serán Nee Barros (@neeumatiko), Fátima Souto Muñiz, Irene Pin, Rodri Míguez e Belén Puime as persoas encargadas de valorar aspectos coma a calidade lingüística e de contido dos vídeos, a técnica ou os dotes comunicativos das persoas participantes para outorgar os premios.
O único galardón que non decidirá en exclusiva o xurado será o Premio do Público. Calquera persoa poderá propoñer os seus vídeos preferidos para concorrer neste apartado a través do formulario que habilitará a páxina web youtubeiras.gal. Con todas as propostas recibidas crearase un formulario de votación, que estará activo desde o 20 de novembro ata o 1 de decembro. Os tres vídeos máis votados nese prazo serán os finalistas do Premio do Público.
A listaxe de finalistas publicarase con anterioridade á data de entrega de premios, que terá lugar nunha gran gala aberta ao público.
Ademais dos premios, o proxecto Youtubeiras pon en marcha un programa de visitas de difusión e formación aos centros de ensino co fin de achegarlle á rapazada o traballo de youtubeiras e youtubeiros de gran repercusión na nosa lingua. A creadora de contidos María Rúa será unha das voces encargadas de achegarlle ao alumnado a realidade do galego como ferramenta de creación e posicionamento na Rede a partir da súa experiencia.
