Abre o prazo de inscrición nas actividades de Febreiro con Apego

A programación do Apego de 2026 bota a andar cunha primeira quenda de oito actividades que se van desenvolver durante o mes de febreiro. Todas elas teñen como obxectivo arroupar a crianza en galego, achegarlles ás familias recursos e ferramentas que faciliten a transmisión e a activación da lingua (ou ben o seu enriquecemento) desde o seo familiar, así como xerar espazos de socialización en galego.

A programación inclúe actividades específicas para familias con crianzas de 0 a 3 anos e tamén actividades orientadas a familias con crianzas de 3 anos en adiante. Todas son de balde, mais requiren inscrición previa en apuntate.pontevedra.gal. As prazas son limitadas e adxudicaranse por orde de inscrición, dándolles prioridade ás solicitudes de familias do concello de Pontevedra que formen parte do programa Apego.

A Fundación Legar, Lydia Botana, Xarope Tulú e Xiana Arias acompañarán as familias con crianzas máis pequenas nunha serie de actividades que fan fincapé na música como elemento fundamental do noso patrimonio e como recurso imprescindible para iniciar os bebés na linguaxe, reforzar vínculos afectivos no seo da familia e crear espazos de calma. Todas as propostas teñen carácter participativo e o seu obxectivo é que as familias aprendan distintos arrolos, cantigas, recitados, xogos musicais ou técnicas para aloumiñar as crianzas que poidan utilizar logo na casa. Dúas delas, Momento musical para bebes (con Lydia Botana) e Meco e Sono (con Xarope Tulú e Xiana Arias), son novidades na programación do Apego de Pontevedra.

As familias con crianzas de tres anos en adiante poderán gozar de dúas actividades: unha xornada de xogos guiada por Brazolinda e un obradoiro creativo da man de Pedras de Papel. O xogo é unha ferramenta fundamental para aprender, socializar, imitar a realidade e desenvolver a creatividade, a intelixencia e as competencias lingüísticas. A creadora de Brazolinda falaralles ás familias da importancia do xogo, presentará os xogos artesanais que desenvolve e ensinará como aproveitalos en familia. Pola súa banda, Electra Menéndez, de Pedras de Papel, dinamizará un obradoiro creativo que axunta narración oral e arte plástica, e no que a rapazada elaborará personaxes de conto con pasta de papel reciclada para logo, a partir deles, inventar diversas historias.

Todas as familias do concello de Pontevedra con crianzas de 0 a 6 anos (ou á espera dun bebé) poden formar parte do programa Apego solicitando unha cita para sumárense a través deste formulario ou escribindo a normalizacionlinguistica@pontevedra.eu.

Descarga aquí o cartel en PDF.