Aberto o prazo para presentar traballos aos certames do Ben Veñas, Maio

O xa clásico certame interdisciplinar Ben Veñas, Maio celebrará este ano a súa edición número trinta. Consolídase, deste xeito, como todo un referente na promoción do galego como medio de expresión artística e cultural entre o estudantado dos IES e CIFP públicos do concello de Pontevedra.

Da man da Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos IES e CIFP de Pontevedra, e en colaboración co Concello de Pontevedra, o Ben Veñas, Maio foi medrando e mudando ao longo dos anos para adaptarse aos novos tempos. Así, o pasado ano introduciuse o certame de vídeos de Tik Tok e reels de Instagram, que nesta edición baixará a idade de participación ata os 13 anos. Continúan tamén os certames con máis traxectoria: poesía, banda deseñada, curtametraxe, narración curta, fotografía e banda musical.

Co obxectivo de incentivar a participación e de proporcionarlle ferramentas ao alumnado dos centros, retómanse os obradoiros de apoio á creación cultural en materia de fotografía, curtametraxe e banda deseñada. Foron solicitados máis de setenta obradoiros, que contan cun equipo docente formado por Paula Andrés, Producciones Mutantes, Kiko da Silva e Zaida Novoa.

Os premios entregaranse durante a gala que terá lugar no Pazo da Cultura o sábado 13 de marzo, na que se integrará a final do certame musical.

As bases pódense descargar aquí.