Aberto o prazo de inscricións no certame de Enreguéifate

Volve Enreguéifate, o concurso de regueifas en liña. O prazo para participar nesta edición do certame esténdese desde o 10 de novembro ata o 10 de marzo. Poderedes enviar os vosos vídeos regueifando a través do formulario que estará dispoñible na páxina web do certame, onde xa se poden consultar as bases: www.enregueifate.gal

A participación é aberta e de balde, e haberá dúas categorías: unha xeral, para calquera persoa; e outra escolar, para alumnado dos centros educativos galegos non universitarios. Como cada ano, haberá tamén seis premios en cada unha das categorías: regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada e mellor falada.

Nos vídeos, dunha duración máxima de 3 minutos, deben aparecer polo menos dúas persoas. A temática é libre e a lingua empregada debe ser o galego.

Enreguéifate é un proxecto impulsado polos concellos de Pontevedra, Ames, Carballo, Santiago de Compostela e Teo que apoia a difusión da improvisación oral en verso (regueifa) para contribuír, por medio dela, á promoción do uso da lingua galega.

O obxectivo principal deste proxecto é que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso a través da experiencia de regueifar, nomeadamente no ámbito escolar. Por iso, inclúe accións formativas para alumnado e profesorado, un certame regueifeiro e un encontro anual de regueifa.

Convidámosvos a todas e todos a participar. Botade esas linguas a pacer! Que medre a regueifa!