Xa se pode solicitar praza para participar en Teatro con Lingua, o grupo de teatro promovido pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra. Esta proposta busca dinamizar o uso do galego entre a xente nova, desde os 18 ata os 30 anos, a través da improvisación e da creatividade teatral.
O grupo estará guiado por Vicky Estévez, cofundadora da compañía 105 Besos Teatro, activista feminista e animalista cunha ampla traxectoria como actriz, directora de teatro e guiando grupos de animación á lectura e sexualidade na escola de ocio Aika.
Os obxectivos de Teatro con Lingua son achegarse ao teatro amador improvisado en lingua galega, dinamizar o uso oral da lingua galega entre a xente nova, promover o galego como lingua de socialización, estimular a creatividade e reflexionar con ollada crítica sobre diferentes temas.
Os ensaios desenvolveranse os mércores de outubro a maio, de 19 a 21 horas no Centro Sur (andar baixo), en Campolongo. Ao remate da actividade o grupo fará unha montaxe final aberta ao público.
A actividade é de balde, mais as prazas son limitadas e para participar cómpre enviar un correo electrónico a normalizacionlinguistica@pontevedra.eu, indicando: nome completo, idade, teléfono de contacto e enderezo electrónico.




