Aberto o prazo de inscrición para os obradoiros Artexoga

O prazo para solicitar a preinscrición nos obradoiros Artexoga, impartidos por Migallas Teatro, está aberto. As familias que teñan interese nalgún dos tres obradoiros poderán solicitalos a través do formulario Artexoga ata o 11 de decembro.

As Concellarías de Cultura e Normalización Lingüística colaboran para organizar tres talleres dirixidos a nenas e nenos de entre 5 e 11 anos, onde se desenvolverán actividades de expresión dramática, plástica e musical, así como xogos tradicionais para crear un espazo de socialización en galego. Impartiraos Migallas Teatro a partir de xaneiro de 2024 no Pazo da Cultura.

Cada obradoiro ten un prezo de 50 euros e consta de 14 sesións de hora e media adaptadas aos períodos lectivos escolares entre xaneiro e abril de 2024 a razón dunha sesión semanal e distribuídas consonte os seguintes días e idades:

  • Taller 1: de 8 a 11 anos. Os luns de 18.00 h a 19.30 h. Número de participantes: 25
  • Taller 2: de 5 a 7 anos. Os mércores de 17.30 h a 19.00 h. Número de participantes: 35
  • Taller 3: de 5 a 7 anos. Os xoves de 17.30 a 19.00 h. Número de participantes: 35 

As prazas non se adxudicarán por orde de entrega da solicitude de preinscrición senón que, no caso de que haxa máis solicitudes que prazas ofertadas, farase un sorteo público no que se escollerá ao chou unha letra. Esta será a letra do primeiro apelido a partir do que se elaborará a listaxe de participantes. Terán preferencia as solicitudes das persoas con domicilio en Pontevedra.

Antes do 16 de decembro comunicaráselle por correo electrónico a cada unha das persoas solicitantes se obtivo praza no obradoiro solicitado ou se entrou na listaxe de agarda.