Xa está aberto o prazo de inscrición para as actividades que o programa Apego vai desenvolver este outono en Pontevedra. A programación, que se vai estender entre outubro e decembro, está dirixida a familias con crianzas de 0 a 6 anos, ou que estean á espera dun bebé, e ten como obxectivo xerar espazos de lecer e socialización en galego, así como ofrecer recursos e ferramentas para activar e enriquecer a lingua das familias. Todas as actividades son de balde, mais cómpre inscribirse previamente neste formulario, xa que a cabida é limitada. As actividades específicas do programa Un pobo con historia de seu, que forma parte do programa Apego, teñen formulario de inscrición propio.
Apego no outono
Arrolos, cantigas, contiños ou xogos de dedos son o centro arredor do que xiran as actividades orientadas ás familias con bebés de 0 a 3 anos. Estes elementos fundamentais do noso patrimonio oral, lúdico e musical, son un valioso recurso para iniciar os bebés na linguaxe, reforzar vínculos afectivos e crear espazos de calma ou diversión. Estas sesións estarán guiadas por Sonsoles Penadique, Chechu Riquelme, a Asociación Socio-Educativa Antonio Gandoy, Marta Ortiz, Luís Prego e Samuel Soto.
Sonsoles Penadique e Chechu Riquelme abrirán a programación o venres 10 de outubro con dúas sesións de Animais encantados, unha actividade que inclúe música, narración oral, danza e xogo, e cuxo fío condutor son os animais máxicos propios de distintas tradicións. A proposta para o venres 24 de outubro vén da man da Asociación Socio-Educativa Antonio Gandoy e chámase O son que me arrola, unha aposta pola estimulación sonora dos bebés, con música en directo e espazo para a experimentación, para que as crianzas se acheguen á nosa cultura a través de cantos de berce, lerias, enredos e distintos instrumentos. O venres 14 de novembro haberá oportunidade de coñecer de primeira man a nova actividade de Marta Ortiz, Onde nace a lingua, unha sesión baseada na nosa tradición oral con adiviñas, trabalinguas, contos rimados acumulativos e encadeados para xogar cos sons, co ritmo, coa xestualidade e coa lingua de maneira divertida e participativa. E o xoves 20 de novembro serán Luís Prego e Samuel Soto os encargados de guiar as sesións musicais Prende no colo, nas que as familias poderán familiarizarse con cantigas, cantos de berce, xogos de dedos, recitados e outras pezas pensadas para iniciar as crianzas na linguaxe, no ritmo e na melodía a partir de temas tradicionais galegos.
A actividade do día 5 de novembro está aberta a familias con crianzas de 1 a 6 anos. Chámase Danzando co outono e é un obradoiro ligado á danza impartido por Laura Martínez Rey. Durante as sesións as familias integrarán a lingua a través do corpo e o movemento, e conectarán as dinámicas de respiración, ritmo ou danza con conceptos e produtos típicos do outono, acompañadas por música e diferentes materiais.
Para a etapa de 3 a 6 anos haberá dúas propostas específicas. Pan con chocolate é a proposta de María e Carme da Pontragha, que ofrecerán dúas sesións moi participativas de narración oral, música e baile. Pola súa banda, as familias con crianzas de cinco anos en adiante poderán gozar do obradoiro O gaiteiro verde, coa Fundación Legar, no que aprenderán a construír instrumentos musicais con materiais naturais e a usalos para acompañar cantigas.
Cartel das actividades Apego no outono.
Un pobo con historia de seu
Continúa tamén durante as fins de semana o ciclo de actividades Un pobo con historia de seu, a cargo de Polo Correo do Vento e Ab Origine, e con dinamización musical de Marcelo Dobode. Trátase de actividades de hora e media de duración que se desenvolven en distintas parroquias e localizacións do concello de Pontevedra. Constan dunha pequena explicación sobre un período histórico concreto, unha contada, un obradoiro de debuxo guiado e un obradoiro de artesanía. Están orientadas e adaptadas para que as familias con crianzas a partir de 3 anos entren en contacto coa historia e a cultura propias dunha maneira interxeracional e lúdica, e para fomentar o uso da nosa lingua en contextos de lecer. Estas cinco novas sesións guiarán as familias desde a romanización da Gallaecia ata o século XIX. Un pobo con historia de seu ten o seu propio formulario de inscrición.

Cartel das actividades Un pobo con historia de seu.
As familias do concello de Pontevedra con crianzas de 0 a 6 anos que queiran formar parte do programa Apego, poden solicitar unha cita para sumarse aquí ou escribindo a normalizaciónlinguistica@pontevedra.eu.



