O Club de Debate Alingua está xa á procura do alumnado de secundaria e bacharelato máis hábil coas palabras. O prazo de inscrición de equipos na presente edición está aberto ata o 27 de novembro. Os concellos de Pontevedra, Ames, Carballo, Dodro, Narón, Rois, Santiago de Compostela, Val do Dubra, Betanzos, Ferrol, Pontedeume, Ribeira, Santa Comba, Teo e Vilagarcía de Arousa promoven esta actividade para dinamizar o uso da lingua galega na mocidade, en contextos formais e informais.
Esta iniciativa diríxese ao alumnado de 3º e 4º da ESO e 1º de bacharelato, ou cursos equivalentes dos ciclos formativos, dos centros de ensino dos concellos participantes. Os equipos estarán formados por grupos de entre 4 e 10 membros e contan cunha persoa docente que se encarga de adestrar, asesorar e representar o equipo.
Antes da competición, e como en edicións anteriores, todos os equipos de cada zona asistirán conxuntamente a sesións formativas para familiarizarse co desenvolvemento dos debates e recibir asesoramento sobre técnicas de comunicación oral e argumentación.
Alén do propio evento competitivo, o Club de Debate Alingua promove a creación de espazos de socialización e convivencia para activar a lingua galega a través do conxunto de actividades propostas: as xornadas de formación e as intensas xornadas de debate, que inclúen tempo para o lecer con actividades de convivencia entre o alumnado participante.
Na súa xa longa traxectoria, o Club de Debate Alingua demostrou ser unha ferramenta de éxito non só para a promoción do uso da lingua galega, senón tamén en prol do espírito crítico, a tolerancia ante a diversidade de pensamento e o traballo en equipo.
Os centros do concello de Pontevedra que queiran participar deberán dirixirse ao Servizo de Normalización Lingüística.



