Bota a andar unha nova edición dos premios Youtubeiras, todo un referente no que ten que ver co fomento da creación de contidos dixitais en galego, así como coa visibilización dos distintos perfís de persoas xeradoras de contido en galego na Rede. Baixo o lema Fachenda ao cadrado, arranca a oitava edición do certame, que renace co nome Youtubeiras+ para dar conta da súa apertura ás creacións en galego en TikTok.
O prazo de inscrición nos premios permanecerá aberto desde o 24 de setembro ata o 15 de novembro ás 23.59 h. A través do formulario web dispoñible en youtubeiras.gal, calquera persoa cunha canle de YouTube e/ou TikTok autoproducida poderá inscribirse no certame. As canles que participen deberán ter a maioría dos vídeos en galego e cumprir as condicións que se establecen nas bases.
Youtubeiras+ repartirá nesta nova edición 7500 euros, que se distribuirán entre sete categorías: canle de YouTube, canle de TikTok, creación de contidos, revelación, calidade lingüística, rede e o premio do público. As persoas gañadoras nos apartados de canle de YouTube e canle de TikTok recibirán 1250 euros cada unha, e quen consiga os galardóns nas restantes categorías levará 1000 euros.
Calquera persoa poderá presentar suxestións para o premio do público a través do formulario habilitado no web do certame. O prazo para facer estas propostas estará aberto tamén ata o 15 de novembro. Con todas as candidaturas recibidas crearase un formulario de votación que se difundirá polas redes sociais de Youtubeiras+ e estará habilitado do 25 de novembro ao 5 de decembro.
O proxecto Youtubeiras+ transcende os lindes da convocatoria dos premios. Baixo o título Fiadeiros dixitais porá en marcha un programa de obradoiros nos centros de ensino medio e campus universitarios dos concellos organizadores co fin dar a coñecer o que se está a facer na Rede no noso idioma, mostrar referentes, incentivar a creación de vídeos en galego e fomentar o seu consumo nas novas xeracións. Estes obradoiros serán impartidos por Mario Brión, coñecido pola súa canle Olaxonmario; María Rúa, da canle Pradorua; Nuria Espasandín e Sergio Casal, da canle Toxío; Laura Veiga, da canle Pingando, e Carlos Vieito, presentador do podcast de vídeo Exército Mekemeke.
Youtubeiras+ é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo e da Deputación da Coruña.