Temos madeira regueifeira! É o lema da sétima edición do certame de regueifas en vídeo que impulsan os servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo.
A inscrición para participar nesta edición pode facerse desde a páxina web do Enreguéifate, onde están tamén dispoñibles as bases completas do certame. As persoas interesadas en participar deben enviar un vídeo dunha duración máxima de 3 minutos no que aparezan polo menos dúas persoas regueifando en galego. O prazo para enviar vídeos está aberto ata o 1 de marzo.
Como na edición anterior, existen dúas categorías: unha xeral, na que pode participar calquera persoa; e outra escolar, para alumnado dos centros educativos galegos non universitarios. Haberá tamén seis premios en cada unha das categorías: regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada e mellor falada. A gala de entrega dos galardóns celebrarase na mañá do mércores 3 de abril de 2024 no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Ademais do certame, o proxecto Enreguéifate desenvolve accións formativas para estudantado e profesorado, que nesta edición están a ser impartidas por Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e Nuria das Cruces. Desde o pasado mes de outubro e ata febreiro, están a levarse a cabo cunha grande acollida obradoiros de improvisación oral destinados ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria e da ESO nunha trintena de centros educativos dos concellos que participan no proxecto.
E ti, tes madeira regueifeira?