A final de Bótalle un conto promete encher de historias o Teatro Principal

Unha nova edición do programa municipal de narración oral non profesional Bótalle un conto chega ao seu fin logo de once días de gravacións polos distintos centros sociais das parroquias e da cidade, onde se logrou unha participación de 50 persoas: 45 mulleres e 5 homes de entre 27 e 93 anos.

O domingo 26 de maio ás 19 h, oito destas persoas participarán na gran final, que se celebrará no Teatro Principal. A gala estará conducida por Mar García Vendrell e José Pintos Alsina. Ademais, contará coa colaboración de Celso Fernández Sanmartín. A entrada será de balde ata completar a cabida. Tamén poderá seguirse en directo desde a casa a través do YouTube.

As persoas participantes na final teñen entre 62 e 88 anos, e son de Santa María de Xeve, Verducido, Cerponzóns, Ponte Sampaio, Mourente, Marcón e do centro da cidade. Contarán historias de vida, anécdotas e temas diversos.

Cómpre lembrar que Bótalle un conto naceu no ano 2022, impulsado polo Concello de Pontevedra, como un certame de contos orais relatados por persoas non profesionais. Esta iniciativa de normalización lingüística busca prestixiar e facer visibles as persoas galegofalantes de Pontevedra, promover a participación interxeracional e a cohesión entre os distintos territorios do concello, poñer en valor os nosos trazos dialectais, visibilizar a variedade e a viveza das falas pontevedresas e mostrar a habilidade para emocionar e engaiolar desde a nosa lingua. A actividade incide no uso do idioma e na percepción da utilidade da lingua tanto das persoas que participan contando como do público que asiste, xa que apodera as falas locais.