A Casa Verde de Salcedo acolle a final de Bótalle un conto

O sábado 13 de decembro, ás 19.30 horas na Casa Verde de Salcedo, terá lugar a final de Bótalle un conto. A gala estará conducida por Mar García Vendrell e Jose Pintos Alsina. Ademais, contará coa actuación de Marcelo Do Bode. A entrada será libre ata completar a cabida do local, e poderá seguirse a retransmisión na Rede.


O xurado de Bótalle un conto está formado por profesionais da narración oral e do teatro: Tareixa e Xacobe, de Pavís Pavós, Enrique Mauricio de Polo Correo do Vento, Raquel Queizás e Andrea Bayer.

As gravacións para seleccionar as persoas finalistas realizáronse nos meses de outubro e novembro nos centros sociais de Ponte Sampaio, Estribela, Monte Porreiro, Xeve, Santa María de Xeve, Campañó, Bora-O Pío, Marcón, Cerponzóns, Mourente-Cons, Tomeza, Lérez, Verducido e nos urbanos Centro Sur e Centro Leste. Durante os quince días de gravación participaron en Bótalle un conto 54 persoas contadoras non profesionais, 50 mulleres e 4 homes, de 46 a 90 anos.


O xurado seleccionou as nove persoas finalistas que o sábado contarán historias de vida, anécdotas e temas diversos. As participantes na final son de Campolongo, Lérez, Tomeza, Cerponzóns, Bora, Marcón e Ponte Sampaio. Os catro contos máis valorados terán como premio unha cea para dúas persoas.


As persoas seleccionadas como finalistas son:
Felicitas de la Iglesia, do Pío, Bora
Rosa de la Iglesia, do Pío, Bora
Josefina Justo, de Marcón
Concha Peón, de Ponte Sampaio
Juan José Esperón, de Cerponzóns
Ángeles Jar, do Centro Sur, Campolongo
Esperanza Bugallo, de Cerponzóns
Guadalupe Ferreirós, de Lérez
Teresa García, de Tomeza

O concurso consta de dúas fases: a fase eliminatoria, gravada en distintos locais sociais, na cidade e nas parroquias e a final, na que contan en directo as finalistas seleccionadas por un xurado de persoas contadoras profesionais. Para participar hai que contar unha historia, anécdota ou conto nun tempo máximo de 4 minutos.

Esta é a cuarta edición do certame de contos orais relatados por persoas non profesionais que o Concello de Pontevedra leva realizando desde 2022. Con esta iniciativa de normalización lingüística búscase prestixiar e facer visibles as persoas galegofalantes de Pontevedra, promover a participación interxeracional e a cohesión entre os distintos territorios do concello, poñer en valor os nosos trazos dialectais, visibilizar a variedade e a viveza das falas pontevedresas e mostrar a habilidade para emocionar e engaiolar desde a nosa lingua. A actividade incide no uso do idioma e na percepción da utilidade da lingua tanto das persoas que participan contando como do público que asiste, xa que apodera as falas locais.