O Enreguéifate dá comezo ás actividades da súa décima edición cun obradoiro para docentes que queiran descubrir o valor da regueifa como ferramenta didáctica. A sesión terá lugar o venres 23 de outubro, de 16:30 a 20:30 h, no Pazo da Cultura de Pontevedra.
A través da improvisación oral, as persoas participantes explorarán estratexias para fomentar a expresión, a empatía e o traballo en equipo nas aulas, ao tempo que promoven valores como a diversidade, a cooperación, a integración e o feminismo.
O obradoiro estará conducido por Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Manolo Maseda e Séchu Sende, que achegarán ao profesorado recursos para traballar a regueifa na aula. A sesión servirá tamén para dar a coñecer o proxecto Enreguéifate,
que este curso celebra dez anos de traxectoria.
A formación require inscrición previa a través do formulario de inscrición. O prazo permanecerá aberto ata o martes, 20 de outubro e hai 45 prazas dispoñibles. No caso de recibirse máis solicitudes ca prazas ofertadas, terá preferencia o profesorado dos concellos participantes e dos niveis educativos aos que se dirixe o proxecto: 5º e 6º de educación primaria e educación secundaria obrigatoria (ESO).
Enreguéifate, construíndo patrimonio
Nas vindeiras semanas daranse a coñecer todos os detalles da décima edición do proxecto Enreguéifate, unha iniciativa dos servizos de normalización lingüística de oito concellos galegos para fomentar o uso do galego entre as crianzas e a mocidade. A Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, súmanse este ano A Baña e Narón como concellos impulsores do proxecto.





