Arrinca a quinta edición de Bótalle un conto

Nesta edición quérese animar a participar tamén á mocidade, para o que se prevén gravacións nos centros de ensino e premios adecuados para menores de 18 anos.

Xa está en marcha a quinta edición de Bótalle un conto, o certame de contos orais relatados por persoas non profesionais que o Concello de Pontevedra leva realizando desde 2022. Con esta iniciativa de normalización lingüística búscase prestixiar e facer visibles as persoas galegofalantes de Pontevedra, promover a participación interxeracional e a cohesión entre os distintos territorios do concello, poñer en valor os nosos trazos dialectais, visibilizar a variedade e a viveza das falas pontevedresas e mostrar a habilidade para emocionar e engaiolar desde a nosa lingua. A actividade incide no uso do idioma e na percepción da utilidade da lingua tanto das persoas que participan contando como do público que asiste, xa que apodera as falas locais.

En que consiste

Para participar hai que contar unha historia, anécdota ou conto. Terá que durar como máximo 4 minutos e ser en galego. O concurso constará de dúas fases: a fase eliminatoria gravarase en distintos locais sociais, na cidade e nas parroquias, e en centros sociais segundo o calendario que se lles irá anunciando ás persoas inscritas. O xurado estará formado por persoas contadoras profesionais: Quique Mauricio, do Colectivo Xurelo; Tareixa Alonso e Xacobe Rodríguez, de Pavís Pavós. Este seleccionará os contos que participarán na final, aberta ao público, o sábado 12 de decembro, ás 19.30 horas.

Premios

Os catro contos máis valorados terán os seguintes premios:

  • Unha cea para dúas persoas, no caso de concursantes maiores de 18 anos
  • un vale para gastar no comercio local en libros e material en galego, de ser concursantes menores de 18 anos.

Inscricións

Para participar hai que inscribirse no formulario que xa está aberto en apuntate.pontevedra.gal ou no teléfono 651 720 350, en horario de 9 a 14 horas. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 5 de novembro.

Descarga o cartel en PDF