En Xeve temos unha celebración particular no Entroido. Lede este artigo se queredes saber máis Ao mellor resúltavos un pouco difícil porque hai algunhas palabras do traballo rural que son descoñecidas ata para nós. Ánimo e que viva Farruco!!!

O enterro do burro Farruco consiste na queima dun boneco con forma do animal que simboliza o remate destes días de festa desenfreada, pícara e transgresora que é o Entroido.
Farruco era o nome máis estendido para os burros de Xeve e doutras parroquias da comarca , como Pinta, Cuca ou Morena o eran para as vacas.
O personaxe non está baseado nun animal concreto do presente ou do pasado, como no caso do Loro Ravachol, senón que se trata dun recordo agarimoso para os burros en xeral, especialmente a todos aqueles que levaron ao lombo as colleitas da veciñanza de Xeve.
De cotío se podía ver a estampa dun enorme feixe de millán, de herba seca ou de pendóns de millo e, debaixo desa descomunal carga, a pequena figura dun burriño que tiraba congostra arriba sen queixarse nin ficar rebentado no chan.
Os burros deixaron de ser fundamentais para os labregos, cando, pouco a pouco, os foron substituíndo por aparellos de transporte mecánicos. A seu número decreceu tanto en poucos anos que hoxe en día están en perigo de extinción.
O noso amigo Farruco, no paro dende que o seu dono mercou un maquinillo ou chimpín, era un dos derradeiros expoñentes daqueles burros que se vían polos camiños de Xeve. A súa morte e enterro simboliza o gran cambio experimentado coa chegada do “progreso” ao rural pontevedrés, e o cambio dos animais de carga polos modernos tractores e moto-cultores (maquinillos) e o abandono progresivo dos traballos no agro dos veciños de Xeve.
Os distintos personaxes que interveñen nesta parodia son imaxinarios e non están baseados en persoas reais. Non se pretende facer bulra nin faltarlle ao respecto a ninguén. Nembargantes, a esaxeración e a caricatura son levadas ao extremo como cabe esperar de calquera festa do entroido na que o sentido do humor é indispensable.
Estes personaxes son, ademais de Farruco, o Crejo, a Autoridá, os Monajillos, o Dono do Burro, a Avojada, o Sancristán e a Funeraria “O Derradeiro Orneo”.
O enterro de Farruco é divertido e alegre, participativo, interactivo. Todos poden participar e chorar, berrar e laiarse a conciencia ou tamén rir ás gargalladas. Iso si, deben procurar sempre acudir a este evento de loito rigoroso.
(“A Xanela”, revista cultural da Asociación Recreativa de Xeve, nº 8-2002)