Pontevedra celebrará o Día de Rosalía de Castro con música e poesía, rememorando a súa obra e o seu legado

O Concello de Pontevedra celebrará cunha programación especial o Día de Rosalía, que este ano pasa a ter como data oficial da celebración o 23 de febreiro. A mudanza na escolla do día, que antes era o 24 de febreiro, foi proposta pola Fundación Rosalía de Castro, logo de que a investigadora Sagrario Abelleira revelase nova documentación que acredita a data real de nacemento da autora galega —o 24 sería o seu bautismo—.


Alén do día conmemorativo, o Concello extenderá de xeito simbólico a súa homenaxe até o venres 25 de febreiro pola tarde, intre no que están programados os diferentes actos locais, para facilitar a asistencia do público e contribuír a unha percepción festiva que vaia máis aló dun día, amais de non coincidir con outros actos institucionais na cidade.

O programa inclúe dous actos. Ás 17.30 h haberá un obradoiro infantil, Figueiriñas que prantei, Rosalía de Castro, con Polo Correo do Vento e a música de Antón Ke. Sería no parque de Campolongo e vai dirixido a familias con nenas e nenos a partir de 3 anos. Ás 19.30 h na praza de san Xosé celebraremos un concerto recital con Laura LaMontagne & Pico Amperio, Zeltia Irevire e a poeta Luz Fandiño.

No caso de choiva, os actos previstos para este venres pasarán a ser celebrados no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA).

Con este acto a Concellaría de Normalización Lingüística queremos lembrar a enorme importancia que a figura de Rosalía de Castro tivo para a normalización da lingua galega, definíndoa como unha das voces fundamentais do Rexurdimento e da nosa literatura. A súa importancia radica non só na valentía de atreverse a escribir e publicar en galego, senón tamén na escolla consciente da lingua como sinal identificador do pobo galego, na defensa da dignidade da lingua e dos falantes e da validez da nosa lingua tanto na fala como na creación literaria.