Galegote Rock 2022: 10 anos de Galegote

O Galegote Rock volve en 2022 aos locais e salas de concertos de Pontevedra. Os vindeiros 28, 29 e 30 de abril, ás portas do Maio, mes da lingua, a nosa cidade acollerá concertos do mellorciño do panorama galego.

Destacamos a volta de Ruxe Ruxe, que acompañou ao Galegote na súa primeira edición, así como da participación da Xeración sónica, un dos proxectos estrela do Local de música, que conta con bandas emerxentes de rapazada pontevedresa que fai música en galego.

O Galegote Rock 2022 comeza o xoves 28 coa actuación de High Paw no Grifón e continúa con Copa Turbo en El Pequeño.

O venres 29 continúa cos Silvestres no Diaño e con Ruxe Ruxe na Sala Karma.

O sábado 30 haberá música durante todo o día. Comezamos ás 12.15 h con Moucho no Tábula Rasa, Eladio y los Seres Queridos ás 13 h no Campiño de Santa María, seguidos da pinchada de mulleres en galego da man de Kris K DJ. Pola tarde continuamos no Campiño ás 17 h coa Xeración Sónica, e comeza de novo o roteiro musical polas salas pontevedresas. Ás 18.30 h estará Zeltia Irevire no Diaño, ás 20 h Grampoder en El Pequeño, ás 22 h Berto na Sala Karma e o festival pecha coa pinchada de rock en galego desde os 70 á actualidade con Carlos Crespo DJ en El Pequeño.