Normalización entregará o vindeiro 26 de febreiro Premio Xoán Manuel Pintos 2016

O concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, presentou hoxe unha nova edición do Premio Xoán Manuel Pintos, acompañado de representantes das entidades e persoas que participan na Rede Amiga da Lingua.

O premio Xoán Manuel Pintos está organizado conxuntamente polo Concello de Pontevedra e a Rede Amiga da Lingua (REAL). Desde ao ano 2005 esta distinción ten como obxectivo recoñecer publicamente o labor de impulso do uso da lingua galega e ao mesmo tempo manter viva a memoria do xurista e escritor que foi figura central do Rexurdimento e estivo tan ligado a Pontevedra.

O xurado reunirase hoxe, 27 de xaneiro, ás 20 horas, na Casa da Luz. Segundo recollen as bases do premio, nesta primeira xuntanza cada membro do xurado pode presentar unha candidatura por cada modalidade do premio. Na segunda e última xuntanza, o 11 de febreiro, o xurado votará as propostas presentadas. Os premios entregaranse o venres 26 de febreiro, nun acto público.

O xurado outorgará dous galardóns. Un premio concederase a unha persoa, empresa, asociación ou entidade que destacase pola súa traxectoria na promoción e normalización da lingua galega, ou pola promoción de actividades que implicasen o espallamento da lingua galega durante os últimos dous anos. Outro premio concederase a unha persoa, empresa, asociación ou entidade que, dun xeito continuado ao longo da súa traxectoria profesional e/ou vital, destacase na promoción e normalización da lingua galega ou que promovese actividades que implicasen o espallamento da lingua galega.

Para a concesión dos premios o xurado terá en conta os seguintes criterios: a tarefa continua desenvolta en favor da normalización lingüística do galego; actuacións concretas en favor da normalización dos usos sociais da lingua galega; o uso habitual e normal do galego nas súas actividades e nos seus servizos; as campañas de información e/ou publicitarias en galego; a contribución á galeguización de sectores de especial relevancia económica, social e cultural. Ademais, o xurado poderá valorar outros méritos das persoas ou entidades que se propoñan.

De acordo coas bases do Premio, o xurado estará formado por once persoas:

Alberto Oubiña Piai, concelleiro de Normalización Lingüística
Conchi Cochón, técnica do Servizo de Normalización Lingüística do Concello
Conchi Díaz Candán, do Gabinete de Pontevedra da SXPL
Tres representantes do movemento asociativo pontevedrés, a proposta da Rede Amiga da Lingua (REAL):
Francisco Freire Vila, membro da xunta directiva da FANPA Pontevedra
Rebeca Cambeiro , da asociación Liga Estudantil
Marcelo González Martínez, da asociación O Tear de Llerena;
Isabel Barreiro Quibén, do ENDL da Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra; representante dos equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros de ensino do concello de Pontevedra
Juan de Sola, delegado do Colexio en Pontevedra, representante dos medios de comunicación nomeado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia
Tres persoas de recoñecido prestixio no seu traballo a prol da lingua galega, a proposta da REAL:
Manuela Rodríguez, da Editorial Kalandraka, premiada na edición anterior, 2013
Nel Vidal, presidente da Coordinadora de Técnicos/as de Normalización da Lingua (CTNL), premiada na edición anterior, 2013
Calros Solla Varela
O Premio Xoán Manuel Pintos non ten dotación económica. Os galardoados recibirán un pergameo acreditativo e poderán reflectir na súa actividade normal a posesión desta distinción.

Desde o ano 2005 foron premiados asociacións como Pavís-Pavós Contacontos, Puntogal, Romaxes de Crentes Galegos/as, Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística ou a Aula Castelao de Filosofía; iniciativas como o portal de información Vieiros; persoas como o presidente da Sección 2ª da Audiencia Provincial de Pontevedra Xosé Xoán Barreiro Prado, o debuxante Kiko da Silva; e empresas como R ou Reizentolo. Ademais, recibiron mencións especiais María Victoria Moreno, ás e aos profesionais que estiveron a traballar en todos os medios de comunicación en galego que pecharon no ano 2011. A última edición do Premio foi no ano 2013, cando recibiron o premio a Editorial Kalandraka e a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL).