A novena edición do LGx15. Ideas para o futuro da lingua da CTNL, o 28 de outubro en Pontevedra

O Teatro Principal de Pontevedra acollerá a novena edición do LGx15. Ideas para o futuro da lingua, que terá lugar o sábado 28 de outubro a partir das 19 h. Esta iniciativa da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua busca compilar ideas, experiencias e propostas que poidan mellorar o futuro da lingua, a través de charlas breves, música e humor.

As persoas convidadas nesta edición son: Paco Veiga (mestre, pedagogo e experto no estudo do xogo popular e tradicional, que empregará o valor das palabras para falar da situación lingüística actual), Carlos Airas (emprendedor nos sectores deportivo e cultural, quen relatará as súas experiencias e recomendacións para mellorar a situación do idioma), Magdalena Sánchez (tradutora audiovisual e subtituladora, quen ofrecerá unha panorámica do valor da tradución audiovisual e da dobraxe como factores normalizadores), Kiko da Silva (historietista, ilustrador, editor e director da escola profesional de BD O Garaxe Hermético, quen explicará como a banda deseñada pode axudar a afianzar a nosa lingua) e Fran da Lobeira (youtubeiro, twitcheiro e presidente da Asociación Cultural Obradoiro Dixital Galego, que fornecerá receitas para mellorar a presenza da nosa lingua en YouTube).

Da condución do evento encargarase a comunicadora e actriz Neves Rodríguez, quen tamén compartirá as súas experiencias e consellos para o futuro da lingua. E Xiao Berlai, guitarrista, mandolina, voz, compositor e letrista de Berlai, será o protagonista da actuación musical.

As intervencións serán gravadas e posteriormente difundidas a través da rede, pois un obxectivo fundamental deste proxecto é espallarmos as ideas co fin de que cheguen ao maior número de persoas posible. Os 51 vídeos das intervencións das edicións anteriores poden verse no web do LGx15 e en YouTube (2015, 2016, 2017, 2018, 2019, 2020, 2021 e 2022).

As entradas desta nova edición do LGx15 teñen un prezo de 6 euros na venda anticipada (en Eventbrite ou na libraría Paz) e de 10 euros na billeteira, en caso de quedaren dispoñibles.