O Monte do Pornedo

Como contaba no post anterior, na recollida dos montes de Salcedo e de Lourizán, estou comprobando que aparecen menos nomes dos esperados. Isto débese a dous motivos.

Por unha banda, pódese pensar que no monte non vai haber a mesma densidade de topónimos que nas terras máis baixas, nas hortas e cultivos, posto que o seu aproveitamento nunca foi tan intensivo, nin a propiedade tan minifundista. Pero sen dúbida o motivo principal ten que ver co abandono progresivo do monte, dos seus usos e costumes, da súa explotación tradicional, que se produciu nas últimas décadas.

O monte deixou de ter o protagonismo que tivo durante séculos na economía das familias. Os seus camiños deixaron de ser frecuentados. Os seus múltiples recursos deixaron de ser aproveitados. De todos é coñecida a frase que din os vellos: “antes o monte estaba limpo como o salón da casa”. Dise isto moitas veces en relación ós incendios, porque unha das causas desta plaga dos nosos días é a gran cantidade de biomasa en forma de matogueiras, leña e follas secas, que hai hoxe en día. A estampa típica do monte é a dun eucaliptal en estado selvático, polo que nin se pode andar. Trátase dun monte que responde, na súa maior parte, a un modelo forestal, de monocultivo.

Antigamente, os veciños competían polos recursos que ofrecía o monte comunal, os pastos, o estrume, a leña, as piñas, etc. Os camiños eran un ir e vir de xente, de vacas, de carros. O que quedara durmido xa non atopaba o que necesitaba. Por iso a estampa era, máis que a dun monte limpo, a dun monte pelado. Era un monte que obedecía a un modelo agropecuario, de pastos para o gando. Mesmo había partes que se cultivaban, principalmente con centeo, que se dá ven nese tipo de terras, máis lixeiras e pobres en nutrintes que as do val.

Todo este cambio traduciuse necesariamente na perda de topónimos. Antes, todas as familias ían ó monte regularmente. Era habitual que os nenos foran os encargados de levar as vacas a pastar. Desa maneira, coñecían os lugares e a nomealos dende a infancia.

Na actualidade, o monte, e refírome principalmente ó de Salcedo e Lourizán, parece territorio de madeireiros, cazadores, militares, afeccionados ós quads, e algún veciño despistado.

O exemplo paradigmático deste proceso de abandono do monte e de como afectou negativamente á toponimia, témolo no Pornedo.

O Pornedo é un monte que aparece nos mapas como Alto de Pornedo ou Coto de Pornedo. Os vellos chámanlle O Pornedo ou O Monte do Pornedo. Polo seu alto pasa o límite entre os concellos de Pontevedra e Marín, entre Lourizán e San Xulián e entre os montes comunais destas parroquias. Alí hai un conxunto de gravados rupestres ós que, esta vez si, os arqueólogos nomearon co topónimo correcto. Máis para arriba está A Pedra do Sapo, Os Sete Camiños, A Campana e O Catadoiro. Pero estou seguro de que deberían aparecer máis nomes. A ver se somos quen de atopalos.

O triste do caso é que, dende fai unhas tres décadas, todo o mundo lle chama O Pituco. O Pituco é o alcume familiar do panadeiro que montou o seu forno uns 300 metros monte abaixo do alto do Pornedo (agora está noutro lugar). Agás algún vello de San Xulián e Lourizán, toda a xente, novos e non tan novos, deu en chamar a ese monte O Pituco. Pero non só a ese monte. A toda a superficie entre a panadería e practicamente a Brilat. Como a xente deixou de ir a el, a todo ese conxunto, de gran extensión, que, de seguro, recollía moitos nomes, pasou a denominarse cun só, que nin sequera era o topónimo tradicional. E na práctica, resultou funcional, pois ó deixar de ser frecuentado, un só nome foi suficiente para chamar a todo ese monte para arriba.

Hoxe, hai moita xente de Marín á que se lle preguntas polo Pornedo, non sabe onde está, e pola contra, case tódolos marinenses saben cal é O Pituco (falo de Marín, porque o monte vese dende o centro da vila, mentres que a maioría da xente de Pontevedra non sabe onde está nin O Pornedo nin O Pituco). Tanto é así, que o propio Concello de Marín, cando planificou no seu PXOUM un polígono industrial nese lugar, chamoulle Polígono Industrial do Pituco, demostrando unha falta total de sensibilidade hacia o lugar, hacia a súa riqueza paisaxística e arqueolóxica, empezando pola toponimia.

Dende a Comisión Técnica do Espazo Natural e Arqueolóxica dos Sete Camiños sempre defendimos a importancia de conservar e difundir o topónimo tradicional. O patrimonio inmaterial polo feito de ser intanxible non deixa de ser igual de importante que o material, pero si que é máis fráxil, polo que debemos redoblar os nosos esforzos a prol da súa conservación.