Un país de festas e ritos propón unha viaxe máxica polas parroquias de Pontevedra para as familias do programa Apego con crianzas entre 3 e 6 anos. A través do ciclo festivo ritual ao longo do ano esta nova proposta dá a coñecer algunhas das festas máis significativas do concello de Pontevedra. Percorreremos distintos espazos para achegarnos ao patrimonio, descubrir os ritos e crenzas que rodean as festas e aprendermos de toda a memoria e saber antigo que atesouran. Aproveitaremos o noso patrimonio oral para desenvolver a creatividade, a imaxinación arredor da nosa herdanza cultural en 16 sesións máxicas de aprendizaxe conxunta e interxeracional, en familia.
O ciclo de actividades arrinca no mes de febreiro, coas festas ígneas do inverno, pero tamén aprenderemos sobre o significado e os personaxes do Entroido, sobre xantares, banquetes e papatorias rituais. Coa chegada da primavera coñeceremos os ritos da romaría de san Cibrán, as plantas máxicas e o lume novo, o ciclo dos maios, as danzas ligadas ao corpus e a festa de san Xoán. O verán é tempo de seráns e fiadeiros, mais tamén de santos policlínicos. No outono achegarémonos á noite dos calacús, á matanza do porco, aos magostos e ás tradicións do Nadal.
Cada sesión abranguerá unha charla didáctica a cargo do antropólogo Rafael Quintía, de Ab Origine Antropoloxía, sobre unha das festas do ciclo ritual do ano de especial relevancia nesa parroquia; seguido por un conto relacionado coa festa ou co rito presentado e un obradoiro de debuxo guiado. As actividades creativas e contacontos correrán a cargo de Carlos Taboada e Enrique Mauricio, de Polo Correo do Vento, que estarán acompañados de Antón Ke e o seu ukelele.
Todas actividades son de balde, mais cómpre inscribirse aquí previamente porque as prazas son limitadas.