Homenaxeamos a Ricardo Carvalho Calero neste 2020

Este ano 2020 foi, ante todo, inesperado. Inda vivimos unha situación totalmente extraordinaria, e xa sabemos que, ante circunstancias extraordinarias, tómanse medidas extraordinarias. É por iso que toda a programación para homenaxear a Ricardo Carvalho Calero no Día das Letras Galegas 2020 foi adiada ao 30 de outubro, día en que morreu o autor.

Desde a Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra adoitamos programar o Maio, Mes da Lingua, un programa para facer visible o traballo a prol da lingua que se fai tanto desde o Concello como desde diversas entidades do municipio, principalmente asociacións. As circunstancias deste ano lévannos a conmemorar a obra de Ricardo Carvalho Calero a través das redes, que tanto valor demostraron nestes meses de confinamento, e así lanzamos esta pequena homenaxe na que vos deixamos aquí a primeira dunha serie de fichas con actividades para coñecer un pouco máis sobre Carvalho Calero e a súa obra. Cada día durante unha semana subiremos ao noso Facebook unha ficha diferente, que tamén colgaremos día a día no noso web.

Esperamos que gocedes e aprendedades moito con Carvalho Calero!

ACTIVIDADES E XOGO