Unha lea e A Ghordeira

Ola de novo!

Que vos pareceu a lea? Ten bastante miolo, non si? Pois acabamos de comezar.

Como vos comentaba, no dicionario de Madoz aparecía reflectido o antigo e fugaz concello de Alba. Non sabía nada sobre este tema e preguntábame se existira ese corredor tradicionalmente pero cando se recompilara a información para o Madoz xa non era tal e se era posible que nunha reordenación territorial posterior se recuperase. Se cadra aí estaba a clave.

Topei un revelador artigo de Benigno García sobre a historia e idas e vidas deste Concello de Alba, o cal foi a miña base para elaborar o pequeno esquema do proceso de creación e disolución deste Concello. Quen o lea, recoméndoo, darase conta de que a vida deste concello foi efémera como sen dúbida moitos outros creados, modificados e disoltos nese período. Hai algo que non se nos pode escapar: digamos que para o rural galego chegar a formar concellos de seu non era fácil pois se ben había freguesías con superficie abonda non eran suficientes en poboación… de aí que houbese a necesidade de xuntarse varias con intereses máis ou menos comúns para crear concello. E aí podía estar a clave para desenlear o noso.

Volverei poñerme o mandilón a cadros verdes e brancos sobre o uniforme verde e marrón, pois parece que volvo ao colexio :

1812 A partir da Constitución de Cádiz póñense as bases da nova distribución administrativa do territorio español.

1820-1823 Durante o Trienio liberal aparecen as primeiras referencias ao concello de Alba mais coa reimplantación do absolutismo baixo o réxime do rei Fernando VII, quedan abolidas todas as reformas constitucionais, incluídas as que nos atinxen.

1835 A partir deste momento con Isabel II promulgarase a nova lei de réxime local, que permitirá reimplantar concellos e crear outros novos. A primeira constancia que existe sobre o concello de Alba nesta época é un escrito asinado polos maiordomos pedáneos das freguesías de Lérez, Alba, Campañó e Cerponzóns demandando un concello propio.

30 de novembro do 1836 Publícase no BOP que o Concello de Pontevedra ten once parroquias (dúas urbanas e nove rurais). Lérez, Alba e Campañó ficarían no concello de Pontevedra, e Cerponzóns sería integrada no de Verducido.

1839 a veciñanza de Lérez, Alba e Campañó presenta un novo escrito demandando a constitución do Concello de Alba. [Cerponzóns segue integrada no de Verducido]

26 de agosto de 1841 acórdase que Concello de Pontevedra se reconverta en catro novos concellos e o 10 de novembro a Deputación Provincial aproba a segregación:

  • Alba [freguesías de Alba, Campañó e Lérez; o 8 de decembro súmase Cerponzóns]
  • Mourente [freguesías de Bora , Marcón, Tomeza e Mourente]
  • Salcedo [freguesías de Lourizán e Salcedo]
  • Pontevedra [freguesías urbanas de Santa María e San Bartolomé]

1846-1850 Elaboración do dicionario xeográfico de Madoz no que aparece reflectida esa distribución que como sabemos non sería a que perdurase. Así pois, cando se redacta o concello de Alba apenas levaba andados cinco anos dos 28 que se mantería como tal.

1867 Fusión de Alba, Mourente e Salcedo no concello de Pontevedra con carácter case definitivo.

1869 O proceso de integración queda consolidado na segunda metade deste ano. Desaparece o concello de Alba como tal.

A estas alturas, tras ver o Madoz e guiarme polo artigo de Cedofeita, aínda non teño repostas ás miñas preguntas. Só podo constatar que se uniron estas freguesías pero non sei nada dos seus lindes naquela época. Terei que ir a fontes anteriores ao XIX ou ben máis recentes, xa no século XX.

Por hoxe acabáronse as embrollas. Xa vai sendo hora de que fale do importante: chamadeiros!

Un que me gustou moito e que queda moi preto da capela de San Caetano é As Panchas, tamén lle chamaran a Granxa de dona Concha, pero o das Panchas seica viña de antes segundo me dixo a miña informante, unha señora ben maior. E tanto que viña de antes! Sen poder aseguralo porque no catastro do marqués de Ensenada as propiedades como poderedes supoñer non veñen xeorreferenciadas aparece “la Pancha” e “Pancho”! Desas terras xa non queda nada pois edificaron enriba delas unha fábrica de pensos.

o-chucin%cc%83o-2-300x225No bico norte das nosas Panchas está A Rexedora, que o carril de ferro divide na de arriba e na de abaixo e sobre a que hai pouco construíron unha ponte para salvar a vía do AVE. Ao seu carón temos A Ghordeira. Sobre este último chamadeiro e a súa orixe teño a miña hipótese despois de lerme o Real de Legos correspondente a Cerponzóns (1)

Antes de expoñervos a miña idea debemos ter en conta varias cousas. Nesta zona houbo e hai seseo, gheada, mesmo restos de enxordecemento da gheada no grupo consonántico -NG- [concostra cando noutras zonas de gheada neste mesmo grupo diríase conghostra]; tendencia evidente a metáteses e vacilacións das pretónicas. Que ninguén se agobie! Explícome:

Metátese, máis menos significa que se cambian fonemas ou grupos de fonemas de sitio, normalmente para secuencias máis usuais ou máis “fáciles de pronunciar”: preghunta – perghunta

Vacilacións nas pretónicas: unha sílaba tónica é a que ten máis entidade, a máis clara á hora de pronunciar e a que se recorda mellor. A que vai antes e despois moitas veces se pronuncia dunha maneira moi relaxada e se é a de final de palabra ás veces acaba non pronunciándose. Ollo! o normal é que “vacilen” palatais con palatais[ i, e] e velares con velares [u,o]: cortiñas – curtiñas.

Debemos ter sempre presente que a transmisión dos chamadeiros foi basicamente oral e xa sabemos o que pasa: entendemos unha cousa, reproducímola e transmitímola; quen escoita reprodúcea tal cal ou non; e se ademais dicímoslle a alguén que a escriba…

Buf, este post fíxose moi longo, seguimos para a semana coa lea e coa Ghordeira.

(1)Catastro do Marqués de Ensenada, 1753: Real de legos ( L-466, L-467; Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra)