Unha lea ben enleada

Ola de novo! Canto tempo hai? Máis dun ano desde que vos saudei dende os camiños de Mourente. Moitas novidades. Acabamos a primeira fase dos mapas, os de Mourente están na Cultural ata o 21 de xuño listos para ser revisados por vós, corrixidos e aumentados. Con todo aquilo que nos digades actualizaremos os datos; por favor, pasádevos. Se non vos achegastes pola exposición dos Chamadeiros de Pontevedra que estaba de lado da Ferrería, abride a hiperligazón e poderedes vela na rede, aínda que non vos é o mesmo.

Por onde comezar? A ver, o verán pasado non puiden ir percorrer Mourente de novo como tiña pensado facer, porque os meus pés andaron por Cerponzóns e parte da zona leste tirando ao norte de Campañó [ Soutonovo, Sabarís, O Bispo, A Boca, A Galiana e A Corredoira] do resto desta parroquia encargouse a miña compa Isa:

O que non sabía eu é que me ía meter de cheo nunha lea de lindes, cesións, marcos e igrexarios de moito coidado. A un e outro lado do río da Ghándara ~ Ghandra , Alva ~ Elva como se lle chamou antano, esténdese un verdadeiro territorio comanche. Para romper a cabeza, crédeme, aínda que paga a pena polo moi interesante que resulta. Na ficha da base de datos sería ben complicado explicalo, xa o intentei, por iso estou de novo tecleando para vós cun río polo medio. Pero non todo foron complicacións nesta campaña, estas foron as menos: recollín topónimos preciosos, curiosos, sorprendentes; descubrín sitios chulísimos e mesmo subín ao monte Castrove un día de chuvia impenitente. Toda unha experiencia. Haberá sitio para todo neste blog.

Hoxe toca poñervos en antecedentes da “lea lindeira”.

Ben, haberá que empezar polo principio, polo que eu me fun topando. Mirade, eu para traballar teño entre outras cousas un mapa cartográfico do concello necesitado dunha urxente revisión, que para iso estamos nós. Ben, nesa cartografía o primeiro que vexo é que entre a zona sur do meu cacho de Campañó [a partir de aquí Campañó Norte para entendérmonos] e a parte de enfronte que pertence a Cerponzóns hai unha especie de corredor estreitísimo, como o colo dun reloxo de area, que segundo ese mapa pertence a Alba! Está claro que esa non pode ser unha división tradicional polo ilóxica, irracional ou como queirades definila. Á compañeira que recolle Alba pásalle o mesmo, había algo nesa disposición que nos rinchaba moito. Vouvos ensinar co que eu me topei ao comezo do traballo :

Sombreei en verde o que pertence a Alba segundo a cartografía do Concello. No lado oeste estaría Campañó e no leste, Cerponzóns. Púxenvos tamén os ríos. Decatádesvos do porqué da nosa sorpresa? Parece un intento totalmente arbitrario de unir A Devesa no norte con San Caetano no Sur, de crear unha continuidade territorial onde parece que non a había. E ademais estaba O Bispo.

Preguntei e aí comezou o crebacabezas: Dixéronme que non había tal corredor entre San Vicente e Campañó. Ata aí, vale. Pensei para min: río arriba, a man dereita Cerponzóns, esquerda Campañó. Pois non, segundo me dicían A Cañota era de San Vicente (“enterran en San Vicente”) pero que o baile (a sala de festas) xa estaba en Campañó. Tamén que os da Devesa para enterrrar en San Caetano tiñan que ir coa bandeira baixa porque atravesaban a parroquia de San Vicente que non era a súa polo que lle tiñan que pedir permiso ao cura. Polo tanto a estrada , tanto o trazado vello como o novo estaría en Cerponzóns!? Alguén de Alba dicía que a cousa estaba ben así, que ese corredor estaba ben onde estaba. En Cerponzóns e Campañó tampouco había unanimidade. Buf

Como os vivos non se me poñían de acordo recorro a fontes escritas anteriores ao séc. XX para ver que topo. En primeiro lugar boto man do Madoz1, transcribo:

ALBA: ayunt. en la prov. y part.jud. de Pontevedra (1/2 leg.)dióc. de Santiago (9), aud. Terr. de la Coruña (18): SIT. al N. de la cap. de prov., CLIMA templado : comprende las felig. de Sta. Maria de Alba, su cap. S. Vicente de Cerponzones , S. Pedro de Campaño y S. Salvador de Lerez […] Tomo I, páx. 233

Ben, así estaba a cousa a mediados do séc. XIX: Alba era Concello de seu, e tiña catro freguesías ou parroquias. [Eu só vou falar das zonas onde eu recollín toponimia con mencións necesarias ao resto, pois se me está custando “sangue, suor e lágrimas” ese cachiño non quero nin meterme no resto por se pasa igual!]

Esquematicamente2:

CERPONZÓNS (Tomo 6, páx. 334)

CAMPAÑÓ (Tomo 5, páx. 348)

Sur do monte Acibal

Aba oriental do monte Castrovión ou Castrove

Lugares

Cerponzones, Brabo, Castrado, Cunehido, Hermida, Litorey, Mean, Pidre, San Cayetano, Tilbe, Valea, Vigario

Lugares

Campañó de Arriba, Cabaleiro, Cochón, Corredoira, Barregáns, Cachapal. Casal del Rey, Galiana, Moldes, Molinos, Parada, Ferreiros, Ribeiro, Sabaris, Soutonovo

Límites

N: freguesía de Portela

L: freguesía de Berducido

S: freguesía de Alba e Leriz

O: freguesía de Campañó

Límites

N: freguesía de Alba

L: freguesía de Cerponzones

S: Pontevedra

O: freguesía de San Salvador de Poyo

Se vos fixastes chaman a atención varias cousas: ausencia total de artigos, práctica habitual da época e por desgraza aínda en uso; a outra é que non hai mención ningunha a existencia desa franxa de territorio cando falan dos lindes. Existira ese corredor tradicionalmente pero cando se recompilou a información para o Madoz xa non e nunha reordenación territorial posterior recuperouse? Por documentos do séc. XVIII que puiden ler esta hipótese hai que descartala, pero iso será na próxima semana. Hoxe abonda de enredos.

En realidade a min o que me interesan son os chamadeiros non a división territorial en si, os topónimos e os microtopónimos, e dáme moita rabia non saber metelos nun lugar ou noutro. Por iso ando a darlle voltas e voltas a isto. Iso si, agora vouvos falar da Cañota porque fixen referencia a ela e os que non sodes de por aquí non saberedes de que falo:

A Cañota é o nome dun establecemento hostaleiro que ata hai uns corenta anos era tamén unha sala de festas moi celebrada. A Cañota está moi ligada ás reviravoltas que imos dar cos lindes: úsana coma marco divisorio, mesmo alguén me dixo que había un na cociña. Eu non o vin, teño que dicilo, e a dona non mo confirmou e, segundo ela, máis alá do bar xa estaba Alba. Ese suposto marco dividía Campañó (a sala de baile) e San Vicente (a casa). No cartográfico aparece nomeando un lugar pequeno, pouco máis que o bar e as terras lideiras. Non será a única vez que teña que mencionala.

Por que se chama A Cañota? A señora díxome que en tempos do sogro había un souto de carballos, que os cortou e quedaron as cañotas. Se nos fixamos no que nos di Navaza na súa Fitotoponimia Galega, cañota é un castiñeiro secular co tronco oco ou trillado pola couza. Tamén pode referirse unha raíz moi grosa de calquera árbore vella que cando se corta queda unida a el.

Ata a semana que vén

1 Diccionario geográfico-estadístico-historico de España y sus posesiones de ultramar (1846-1850) MADOZ, PASCUAL

2 As cursivas do cadro reflicten como están transcritos os nomes no Madoz.