Salcedo e o San Brais

Esta última semana cambiei de parroquia. Deixei momentaneamente Tomeza e  andiven percorrendo San Martiño de Salcedo coa axuda de Ramón Laxe do que xa vos falou nalgunha ocasión o meu compañeiro Lucas. Camiñando pola freguesía, descubrín topónimos como a Finca do americano, a Cortiña do Can, ou o Chanciño de Arriba. Antigamente formou concello independente xunto coa parroquia de Lourizán.

No arquivo municipal de Pontevedra consérvanse algunhas das actas do antigo Concello de Salcedo. Nunha destas actas amósase o descontento dos veciños pola anexión á cidade de Pontevedra, desaparecendo así o seu municipio. Nesta  parroquia celébranse as festas de San Martiño, patrón da mesma, que se celebra o 11 de novembro; Santa Rita, patrón dos imposibles,o 22 de maio; e o San Brais o día 3 de febreiro. Esta última festividade ten lugar na pequena capela de San Brais  . A orixe da capela non está clara, aínda que o estilo que predomina na parte máis antiga é o gótico. O resto é do século XVIII. Esta romaría é moi coñecida na contorna e a ela acoden moitos romeiros con exvotos de cera que representan unha garganta ou unha cabeza, posto que este santo considérase protector das afeccións de garganta e ao que se invoca cando alguén se atraganta.

Segundo conta a  lenda, San Brais naceu no medio dunha familia acaudalada e de pais nobres; foi educado cristianiamente e aínda que foi médico consagrouse como Bispo cando aínda era moi novo na cidade de Sebaste, na actualidade Sivas, Turquía. Ao comezar a persecución aos cristiáns polo emperador romano Licinio, fuxiu ata ser capturado e ó negarse a renunciar á súa fe, esfolárono con peites de aceiro para a carda ou limpeza de la. Hai outra versión da lenda que di que cando comezou a persecución aos cristiáns, por inspiración divina, retirouse a unha cova ao Monte Argeus facendo vida eremítica. Esta cova era  frecuentada por feras salvaxes, a quen o santo atendía e curaba cando estaban enfermos, pero estes animais non o molestaban no seu tempo de oración. Conseguiron capturalo e decapitárono.[1]

San Brais era coñecido polo seu don de curación milagrosa. Salvou a vida dun neno que afogaba ao atragantarse cunha espiña de pescado. Esta  é a orixe do costume de bendecir as gargantas o día da súa festa, día 3 de febreiro. Ademais considéraselle o santo patrón dos cardadores de la debido ao xeito no que foi martirizado. San Brais tamén e venerado pola Igrexa Ortodoxa, que celebra a súa  festividade o 11 de febreiro.