O demótico de Pontevedra

Foi noticia nas últimas semanas que a Universidade de Chicago, despois de 40 anos de investigación, rematou un traballo que multiplica por dous os milleiros de palabras demóticas coñecidas ata o momento. O demótico era a escritura que utilizaban os habitantes do antigo Exipto, a xente do común, distante e distinta dos xeroglíficos que utilizaba a elite dos faraóns para narrar ao máis alá as súas xestas de aquén.

O demótico, en palabras de Noble Wilford (The New York Times International Weekly; 11/10/2012) , “eran as palabras que se empregaban para o amor e a familia, a lei e o comercio, as cartas privadas e os textos sobre a ciencia a relixión e a literatura”. Cando menos durante un milleiro de anos, entre o 500 a.C. e o 500 d.C. este tipo de escritura cursiva, unha das tres que aparece gravada na famosa pedra Rosetta, foi maioritaria entre os habitantes do delta do Nilo.

A esta linguaxe chan, a propia do demos, isto é do pobo (de aí o seu nome), debemos palabras galegas como adobe ou ébano, que chegaron a nós a través do árabe a pesar da distancia, a pesar da pirámide que levantaron os poderosos sobre as linguas humildes do mundo.

Pontevedra, ao igual que o Exipto dos que non eran faraóns, tamén ten o seu demótico. Descubrímolo ao longo dos últimos meses falando con ducias e ducias de persoas maiores, as máis delas con estudos primarios ou sen estudos, xente formada na única universidade que non ten numeros clausus: a da vida. Cando lles escoitamos dicir por vez primeira palabras como Xermonde, Bail ou Magueiro non sabíamos en qué cartografía situaban, en qué dicionario etimolóxico podíamos buscalas. Agora demos o primeiro paso, témolas recollidas e xeorreferenciadas, gardamos vida e nomes dos e das informantes, para que algunha universidade estadounidense poida investigar dentro de 1.000 anos se quere as palabras que utilizaron algún día os humildes do delta do Lérez.

Chamadoiros de noso, palabras de ben, o demótico de Pontevedra.