O cruceiro de Estribela

No traballo de recollida, ademais dos nomes dos lugares, tamén debemos recoller os nomes dos elementos etnográficos, tales como fontes, lavadoiros, muíños, cruceiros…
Diciamos no post anterior que o Cruceiro de Estribela foi debuxado por Castelao e que de feito aparece na súa obra As cruces de pedra na Galiza. O cruceiro é, como tantos outros, unha obra mestra de canteiría, expoñente da arte relixiosa galega. Formaba parte do patrimonio histórico-artístico da parroquia de Lourizán, sendo un dos seus elementos máis destacados, un cruceiro datado en 1773.
Neste caso, ó cubrir a base de datos, hai que sinalar que o cruceiro actual é unha réplica e que non está no seu emprazamento orixinal, senón desprazado uns 30 metros. Orixinalmente, estaba na praciña a carón da Praza de Abastos de Estribela, xunto coa paneira (que así é como lle chamamos ós hórreos), que tamén foi desprazada.
O caso deste cruceiro é ben curioso e dá para escribir moitas liñas.
O cruceiro auténtico, o que debuxou Castelao, está na Praza das Cinco Rúas, na zona vella de Pontevedra. De feito agora coñécese como Cruceiro das Cinco Rúas. Está incluído no Roteiro Castelao (http://www.concellopontevedra.es/castelao-pontevedra/ruta5.html). Pero Castelao coñeceuno “na súa localización orixinal da ribeira de Estrivela” como sinalan na información do roteiro (Estribela é con -b-, según o Nomenclátor da Xunta de Galicia).
A historia de como o cruceiro acabou na zona monumental de Pontevedra e a réplica en Estribela é a seguinte:
No ano 1939, “año 0 de la victoria”, os falanxistas, que estaban a celebrar que venceran na guerra fratricida e xenocida que eles provocaran, colgaron guirnaldas e bandeirolas do cruceiro, tiraron con el e rompeu en cachos. Así estivo ata que en 1962 o levaron para o Museo de Pontevedra, onde o restauraron. Pero xa nunca regresou á parroquia, senón que, unha vez restaurado, foi colocado na Praza das Cinco Rúas. Nese momento, non era posible nin imaxinable por parte dos veciños levar a cabo ningún tipo de reclamación, debido ó réxime político existente. Tampouco había a sensibilidade hacia o patrimonio que hai no presente, todo sexa dito.
Décadas despois, en 1999, a raíz das peticións da Asociación de Veciños San Andrés, o Concello de Pontevedra colocou a réplica que podemos ver na actualidade en Estribela.
O certo é que a colocación desta réplica non satisfaceu as aspiracións desa asociación nin dos veciños, e existe un sentimento na parroquia de que nos deron o “cambiazo” e que nos foi “roubado” un dos elementos máis destacados do noso patrimonio.
No ano 2010, houbo unha nova reclamación, esta vez por parte das catro entidades máis representativas da parroquia, a Asociación de veciños San Andrés, a Asociación de Veciños Estriceres, a Plataforma en Defensa da Praza dos Praceres e a Comunidade de Montes de Lourizán, ante a Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra, pero as súas xestións foron infructuosas.
E chegados a este punto, sobre este caso hai diversas opinións sobre onde debería estar o cruceiro e diferentes interpretacións da Lei de Patrimonio.
Según a Lei 8/1995, do Patrimonio Cultural de Galicia, un cruceiro é un ben inmoble de interese cultural inseparable do seu contorno e non poderá procederse ó seu desprazamento salvo que resulte imprescindible por causa de forza maior ou interese social. O lugar onde se ubica un elemento patrimonial, a súa localización, máis aínda no caso dun cruceiro, forma parte inseparable dese elemento, é indisociable da súa historia e do elemento en si mesmo, e só as causas de forza maior poden xustificar un cambio na súa ubicación, e aínda neste caso, respectando na medida do posible a cercanía a unhas características similares ó emprazamento orixinal. Este non é nin foi nunca o caso que nos ocupa.
É dicir, hoxe en día, coa Lei do Patrimonio Cultural de Galicia en vigor, sería impensable que isto sucedese. Pero a lei non ten carácter retroactivo e isto sucedeu en plena ditadura franquista. Pero os erros do franquismo, non deberan ser corrixidos?
Na miña opinión, eticamente, a razón está de parte dos veciños. Salvando as distancias, pódese comparar co patrimonio procedente de Oriente Próximo que está nos museos de Inglaterra, Francia ou Alemaña.
Ironicamente, pódese interpretar que a propia Lei de Patrimonio non permitiría devolver o cruceiro a Estribela, posto que establece que, dende entrou en vigor, non se poden mover os bens inmobles . Pero esta é unha interpretación literal da lei. Na sociedade actual téndese máis á interpretación con puntos e comas que á interpretación do espírito das leis cando estas se redactan.
O quid da cuestión no caso do Cruceiro de Estribela é que contorno debemos ter en conta: o seu contorno histórico, o contorno orixinal, onde se construíu e onde estivo situado durante dous séculos; ou o contorno que tiña cando se redactou a lei, e que non se correspondía co seu contorno histórico?
Pois ben, aínda que a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia non se refire a ningunha cuestión similar á que plantexamos, pode deducirse que o espírito da lei se refire a conservar o inmoble no seu contorno orixinal, e o contorno orixinal do Cruceiro de Estribela obviamente é en Estribela.
Penso que se a lei, tal como está, non permite devolver o cruceiro ó seu lugar orixinal, habería que modificala, para, aínda no caso de non permitir o traslado, polo menos indicar claramente que hai que facer en casos como o descrito.
En calquera caso, unha cousa hai que recoñecer: que lucir, o que é lucir, o cruceiro luce moito máis na Praza das Cinco Rúas que en Estribela. Onde vai parar…