A Granxa de Montero Ríos

O Pazo de Lourizán é máis coñecido polos veciños como A Granxa de Montero Ríos. Trátase dun dos elementos patrimoniais máis destacados da parroquia e unha das xoias da arquitectura pontevedresa.

Adquirido pola Deputación de Pontevedra en 1943, que a transfire á Xunta de Galicia en 1984, actualmente é a sede do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, máis da Escola de Forestais. Pero este pazo e a súa finca teñen unha rica historia, vinculada intimamente á historia da parroquia, de Galicia e de España. Tivo un papel moi destacado dende finais do século XIX ata principios do XX, en torno á figura de Eugenio Montero Ríos, que a convertiu na súa residencia de verán, modelándoa ó seu gusto.

A súa orixe remóntase á Idade Media, vinculada ós Montenegro primeiro, e posteriormente, por matrimonio, ó “Marqués de la Sierra” (Serra de Outes). Foi unha granxa no século XV, e deste período quedan algúns restos, como un pombal de planta circular. En realidade, a finca que coñecemos hoxe é froito da unión desta granxa, A Granxa de Sierra, coa Granxa de Blanco, que era propiedade da Marquesa de Astorga, ademais de numerosas pequenas propiedades que Montero Ríos foi adquirindo, ata sumar as 52 hectáreas que ocupa actualmente, e que inclúe un xardín botánico singular, que o seu creador, Montero Ríos, bautizou co nome de “Parque de las Rías”. O edificio principal foi obra de Jenaro de la Fuente, unha reforma sobre o edificio primitivo, o Pazo de Sierra.

Eugenio Montero Ríos (1832-1914) foi a figura política galega máis importante do período da Restauración borbónica, entre finais do século XIX e principios do XX: foi presidente do “Consejo de Ministros”, dúas veces “Ministro de Gracia y Justicia” e unha de “Fomento”, foi tamén senador vitalicio, presidente do Tribunal Supremo, e presidente do Senado en tres lexislaturas; formou parte da delegación española que, en 1898, asinou o Tratado de París, foi académico de Historia e das “Ciencias Morales y Políticas”, e posuidor da “Gran Cruz de Carlos III” e do “Toisón de Oro”, foi cofundador da “Institución de Libre Enseñanza” con Giner de los Ríos, e creador, sendo Ministro de Fomento, das Cámaras de Comercio, Industria e Navegación, do “Colegio de Ingenieros de Montes” e do “Colegio de Ciegos y Sordomudos”, entre outros cargos, distincións e actividades. Como lexislador impulsou o Código Penal, a Lei Orgánica do Poder Xudicial, a Lei do Rexistro Civil (a súa filla María Victoria foi a primeira inscrita), a Lei do Matrimonio Civil, todas de 1870, e a Lei de Redención de Foros, de 1905.

Comezou a súa carreira política en 1870 no Partido Progresista de Primm, e moi vinculado a Amadeo de Saboya durante o seu reinado; na I República, participou na fundación do Partido Republicano Democrático; e durante a Restauración borbónica formou parte do Partido Liberal. Malia ó seu sesgo progresista, representa o caciquismo da Galicia da Restauración, e cos seus fillos naturais, Eugenio e Avelino, e políticos, Eduardo Martínez del Campo, Manuel García Prieto e Eduardo Vicenti, van conformar unha familia política de gran poder e influenza.

Coa chegada de Montero Ríos ó pazo, Lourizán adquire un importante protagonismo na vida social e política que mantén durante máis de corenta anos. Á súa residencia de verán acudían políticos, xornalistas, intelectuais e artistas. Cóntase en Lourizán, que neste lugar se deron os primeiros pasos para negociar a paz con EE.UU. tras a guerra de Cuba, concretamente, fálase de que aconteceu na mesa de pedra que hai debaixo da parra, que foi traída nunha soa peza (seis metros de lonxitude por metro e medio de anchura) da Illa de Tambo (propiedade en parte de Montero Ríos, que tamén a adquirira da Marquesa de Astorga, e que finalmente pasou a mans do Ministerio de Defensa en 1943). Aínda existe na parroquia a memoria do traslado da mesa, da illa ó embarcadoiro que había diante da entrada da granxa e de alí, con carro de bois, ata o mirador onde foi colocada. Tamén se conta que a mesa, que é moi baixa, resulta moi incómoda cando pasas moito tempo sentado nela, pero que isto non supoñía un problema para Montero Ríos, por seren corto de perna, o que aproveitaba ó seu favor nas negociacións que alí se levaban a cabo, xa que os seus opoñentes estaban a desexar pechar o acordo.

O pazo presenta elementos de gran interese e valor: o propio edificio, o invernadoiro ou estufa, de estilo modernista, o hórreo, o lagar, os muíños, ou o Parque das Rías. Outro elemento destacado é a verxa de ferro que pecha a finca hacia a estrada vella de Marín. De interese artístico, no seu momento supuxo un gran desembolso para o político santiagués, que se viu obrigado a pedir un préstamo. Esta verxa atópase nun estado lamentable dende fai anos.

Montero Ríos mandou construir na parroquia de Lourizán, a Igrexa dos Praceres, en 1888, onde están actualmente depositados os seus restos e os da súa esposa, Avelina. No lugar do Cabo, construiu o seu “Pabellón de Invitados”, para hospedaxe precisamente dos seus invitados, que posteriormente foi o “Gran Hotel de Baños de Mar de Los Placeres”, e que actualmente é o “Colegio Sagrado Corazón de Jesús de Placeres”, coñecido polos veciños como O Colexio das Monxas. Foi donado polos seus herdeiros en 1918 ás monxas da orde do Sagrado Corazón, a condición de que tamén ofreceran unha formación básica para as rapazas da parroquia e que lles deran unha comida o día.

A historia da Granxa de Montero Ríos perdeuse en gran parte nos sucesivos cambios de propietarios e xestores do último século, producíndose un fenómeno de “desmemoria”. Este feito foi correxido en gran medida grazas ó libro “Lourizán. De pazo solariego a centro de investigaciones forestales“, que se convertiu nunha obra de referencia para os veciños. Os seus autores, Francisco J. Fernández de Ana Magán (investigador do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán durante 25 anos) e Dolores Álvarez Fernández, publicaron este libro en 1994, despois de investigar a historia do pazo e da finca, rescatando moita información do esquecemento.

A situación actual do edificio é mala, e precisa ser restaurado. Resulta necesario poñer en valor tódolos elementos que integran a granxa e permitir ó conxunto da sociedade o seu desfrute. Ata o de agora é unha gran descoñecida non xa para o conxunto da sociedade, senón para a propia sociedade pontevedresa.

Por dúas veces descartouse un proxecto de futuro para o Pazo de Lourizán: primeiro foi o de sede do Parque Nacional Illas Atlánticas, que finalmente foi para Vigo, máis tarde, o proxecto de crear o primeiro centro medioambiental de Galicia. Cando se propuxo o pazo como sede do Parque Nacional, un dos argumentos en contra foi que non tiña vinculación directa con el, o que se tería solucionado coa inclusión no parque da Illa de Tambo. O pazo ten un vínculo histórico moi importante coa illa, que actualmente está desafectada polo Ministerio de Defensa, pero que se atopa nunha situación de esquecemento, nun limbo, cando podería convertirse nun importante foco de atracción turística no corazón da Ría de Pontevedra. Esta situación veu dada precisamente pola reclamación da propiedade por parte dos herdeiros de Montero Ríos.

Fai uns anos, as principais entidades da parroquia solicitaron por escrito ás administracións que apostasen decididamente pola posta en valor do Pazo de Lourizán, chamado a convertirse nun dos recursos turísticos máis importantes do Concello de Pontevedra e que se fixera a inversión necesaria para recuperar o edificio, en estado ruinoso.

Os veciños propoñían a creación do Centro de Interpretación do Pazo de Lourizán. A idea é que se adique un espazo dentro do pazo para a creación deste centro de interpretación sobre o período da Restauración en Galicia e o significado da figura de Eugenio Montero Ríos; pero que tamén mostrara a historia do pazo e da finca, directamente relacionada coa historia da parroquia, a cal é importante que se conserve e divulgue.

Tamén propoñían a posibilidade de crear o Itinerario Cultural Eugenio Montero Ríos, que incluiría o Pazo de Lourizán, a Igrexa dos Praceres, o Colexio do Sagrado Corazón dos Praceres e a Illa de Tambo; e a posibilidade de crear un paquete turístico xunto á veciña Estación Fitopatolóxica do Areeiro, que tamén debe ser aberta ó público para o desfrute dos cidadáns, e o Monte de Baliñas, de grande interese paisaxístico, conformando, deste xeito, un triángulo, que ofrece un produto turístico moi completo.

Por último, solicitaban a devolución ó seu lugar orixinal da estatua de Colón, xa que se ben no caso da maioría dos obxectos expoliados da finca non se coñece o seu paradeiro, no caso da estatua de Colón, está ben localizada; así como a restauración da verxa de ferro, e a poder ser, recuperando o seu aspecto orixinal, coas lanzas de cor dourado.