Ola de novo

Creo que necesito unha paréntese entre tanto linde deste sitio, desoutro e daqueloutro. Como deixei pendende A Ghordeira vou alá e así tamén deixamos repousar o outro e tomamos perspectiva.

Dicíavos aí atrás que tiñamos que ter presentes as características lingüísticas desta zona e ademais tamén debemos manexar con coidado a información do Ensenada.
No catastro de Ensenada quen escribía non era galego ou si, pero facíao en castelán mesmo os nomes das persoas e os nomes das terras as máis das veces. A maioría acastrapaban por iso sabemos máis menos como era a lingua; deixaron pistas ao traducir ‘daquela maneira’ os nomes galegos. A todo iso hai que engadir que a maior parte das veces non entendían ben o que se lles dicía e non identificaban como topónimo único as distintas “pronuncias” da veciñanza. Aquí tedes algúns exemplos de como están transcritos algúns chamadeiros da freguesía de Campañó onde se poden albiscar algunhas características da fala:

seseo Bousiña, Bouziña // Painsal // codeceira , la codeseyra // Savariz , Savaris //Anceris, Anzeris de adentro //Pasanes, Pasans, pazanes, Panzans // el Bacelo, el vaselo // chamiseira; //Preveseira // vega da sima // chouza, chousa // vega do brasal , Brazal // los seisiños // sebolar // asibeiro// Sendin, Zendin
gheada: cortejoso// Galda, Jalda // magueiro, majeiro
vacilacións en xeral:Lamprieira, Lampreeira// la pidreira; la Pedreira // Fonteira ;fenteira // el vidro, bedro de afuera // Avelleira // Pinela// el tumbiño/ rrigueira// Enjido, Ynjido//Sendin, Sindin, Zandin
Metáteses: Pardenobo, Frebenza
Deturpacións: Vega da suavidad . Adiviñades cal é esta? A Sividá!!! [Campañó]

Outra aclaración. Este catastro, de mediados do séc. XVIII, sitúa as terras usando como referencia espacial os nomes das persoas que traballan as lindeiras, ou os camiños, ríos, montes… Nalgúns casos mencionan o lugar onde estaban situadas (A Ermida, Pidre…). Se a terra non conserva o topónimo ou ben cambiou de mans só poderemos saber onde está rastrexando as persoas que foron adquirindo os dereitos sobre elas ou a súa propiedade, e aínda así a localización non é segura. Por exemplo e invento os nomes:

Xan Xanelas ten unha veiga chamada Regueifa, linda ao norte con María Soutelo, ao sur con Xosé López, ao leste con Domingo Domínguez e ao oeste con Dorinda Bieitez …hai 250 anos, as voltas que deu o mundo dende aquela!!!

De todos os xeitos, e para darme ánimos con respecto ao que me interesa, é dicir, poder situar con certa proximidade os chamadeiros e así poder aventurar unhan hipótese, cabe presupoñer que se unha persoa tiña a casa en Liborei a maioría das terras que traballase estarían próximas a este lugar; se na relación rodeada de topónimos que si están localizados aparece un que non, poderemos aventurar, nunca aseverar, que estaría na mesma zona. Isto é o que pasa coa Ghordeira, A Gharachouza , Os Ghurbieitos e Os Pormaghandes.

Dito isto, imos aló, A Ghordeira: Tirado do Real de Legos (1753). A grafía é a da época  [L: Levante/P: Poniente/N: Norte/M: Meridiano = leste/oeste/norte/sur]

A casa que traballa estas terras estaba en Liborei a cal lindaba ao Poniente e ao Levante co […]camino que pasa el Camino Real[…]

Póñovos esquematicamente algunhas terras que traballan distintas casas e que me dan pé para situar os chamadeiros dos que vos quero falar   [en grosa poño as diferenzas que topei nunha copia posterior do Real de Legos]:

[…]labradio regadio en vesada L rio que pasa a San Caettano
labradio secano envesada de castro vesada do castrado
labradio regadio en veiga de chouciño veiga do chosiño P rio del castro
otra en Prado
otra Sobreira
labradio secano en Bean de avajo, L camino Real, P rrio del Castro
otra en Bean de arriva
labradio secano en Loureda
tojal en Costa de Balea
labradio secano en Cortiña de Souto
otra de tojar en las ufas L rrio que viene del Castro
labradio secano en nuvelos
tojal en el murote, monte de tallos
hace enelvaldio del agro deira Souto pequeño y Souto grande […]

“[…] hace enelvaldio del agro deira Souto pequeño y Souto grande” Esta podería ser a orixe do actual topónimo A Ghordeira. Habería moito que mirar pero polas características particulares da fala da zona e apoiándome noutros exemplos case podería dicir que si. A Ghordeira parece case un adxectivo que teña que ver con gordo [ghordo], pero me dá que non.

Mirade, é unha obviedade, pero non podemos deixar de telo en conta: os chamadeiros, os topónimos non eran nomes ao chou. Eran nomes prácticos que respondían a algo en concreto. O que agora é un topónimo, polo tanto un nome propio, foi unha palabra viva, chea de significado. Explícome: se un sitio estaba cheo de auga e herba non lle ían chamar O Pedreghal; se había un camiño costento onde se recortaba un loureiro no alto podían chamarlle o Alto do Loureiro; unha superficie chea de fentos podería ser A Fenteira… Moitos dos topónimos dos que descoñecemos o significado é porque aquilo ao que facían referencia xa non existe, ou que a palabra perdeu forza a favor doutra, ou que se confundían dúas palabras que soaban igual, ou que as peculiaridades fonéticas e prosódicas da zona fixeron que unha palabra fora transformándose noutra pouco a pouco…

Supoñendo que este “agro deira” fose a orixe da Ghordeira escribírono como lle soaba: coa crase da vogal da preposición coa vogal inicial do substantivo. Nós sabemos ademais que se pronuncia con gheada [aghro d’eira]. A partir de aquí xa poderiades seguir sen min se sodes da zona e tedes en conta a tendencia aínda viva de facer bailar o /r/ como puiden comprobar máis dunha vez e especialmente cando unha señora me falaba de [kurdibedro] que non é outro que o chamadeiro a Cruz de Vedro! no lado de Campañó. Así pois:

[aghro d’eira] > [aghordeira] Co tempo segmentariase a palabra ao considerarse o a inicial como artigo feminino e ghordeira como unha palabra en si mesma.

A ver, podo estar total e absolutamente equivocada. Non pretendo facer un estudo polo miúdo, xa vos puidestes decatar porque non transcribo fonética nin fonoloxicamente como hai que facer, nin as miñas explicacións son técnicas. Impórtame chegar á veciñanza, que sintan curiosidade. Se cadra, pico a alguén con tempo que se poña estudar a fala da zona e a súa toponima como reflexo da súa evolución histórica. Sería interesantísimo, non si?

Outro exemplo, tamén de Cerponzóns:
[…]Luvans
Livians de avajo
cerradura deasibeiro, L rrio desendan
ufa, rrio de senden
cerradura da peza
moudin
el agro chouzo
ceradura de Espiñeiro
Parrei
cerradura de novelos, M camino que va a la fuente de Livorei
vacelar
la Loureda de arriva, N camino que va a la iglesia […] Outra persoa:
[…]alvarin
labradio en Moudin
en moudin darriva
otra en el agrichouco agrichouso […]

“el agro chouzo, agrichouco, agrichouso” non digo que sexa esta a orixe da Gharachouza, mais por aí andarán os tiros seguramente. En canto non sabemos que falamos do aghro chouzo ben podemos acomodar o xénero ao que teñamos en mente: unha veiga, por exemplo. Ou, talvez, a orixe foi unha agra e non un agro.  Chouzo/a, chouso/a con variacións nalgúns casos de matices designan espazos cerrados, sexan toxeiras, agros, agras… recordemos que o topónimo en orixe sería motivado pero ao longo do tempo esa realidade que designaba puido variar e moito. E, importantísimo, a transmisión era basicamente oral: ata o séc XX a escolarización da poboación rural era case anecdótica. Se sempre escoitaches a Gharachouza vas mandala escribir da mesma maneira e vala transmitir tal como soa.

Seguimos. Non moi lonxe, algo máis ao oeste, na outra banda do río da Ghándara la gandra/ rrio de Gandra/ de Gandara/da gandara
na freguesía de Campañó temos O Pormaghande ou mesmo Os Pormaghandes que en orixe era o Pomar Ghrande, topónimo que aparece abundantemente no Ensenada. Reparade en que se fai o plural a partir do chamadeiro xa transformado: pormaghande+s; da outra maneira habería que contar con pomares* ou pormares* para facelo. Como podedes apreciar seguimos cos bailes dos erres ou máis ben coa migración.

[…]Cacharola, tojal P camino
Veiga de Bouza L camino
Bouza do Loureiro
Veiga da Viña da Fonte
Veiga da ortiña, viña L camino
Veiga de Pomar Grande
Pado Vello, tojar N cerrada
la Fonte da Veiga, labradío
la Veiga de Anzeris derriba
Galda de avajo, pasto[…]

Máis o norte do antigo pomar, á dereita do regueiro da Roxa temos Os Ghurbieitos:
la vega da eyra vella
vega de Salbados
vega de Rorrigô
vega de Bouzas
vega do Pedregal N monte de los criscados
tomada da Boca, cerrada
agro vieito, pasto N monte dos criscados
en Monte da pressa N rrio que la divide
aziveiro L M camino que va a Pontevedra

O seguinte está tirado do Real Eclesiásticos non do de Legos:

[…]en dicho lugar de Sabaris nombrada Barcia de Arriba N camino. M Rio de Porto
Bouza de la Arca P camino
Agro Bieito, robles
Bargande (en el mismo lugar)
otra pieza nombrada das Bieitas
otra pieza nombrada del Palomar
otra pieza nombrada Pedregal
otra pieza nombrada de la Ufa, circundada[…] “agro vieito/ Agro Bieito” e mesmo noutra folla “agro do Bieito”

En fin, eu só poño balizas por ver se a alguén lle apetece ir por este camiño …

post-a-ghordeira-300x202