Chamadeiros de Xeve: Maúnzo

Ernesto Sanmartín é un ensinante de 58 anos que vive e bebe na aldea de Maúnzo, un topónimo único no Nomenclátor de Galicia. Recíbenos con amabilidade e cortesía para falar da toponimia da parroquia de Xeve, unha inquedanza que non o colle de novas, xa que Sanmartín coordinou un traballo de recuperación da toponimia de Verducido e os Xeves (Santo André e Sta María) no ano 2004 para a revista A Xanela, que edita a Asociación Recreativa de Xeve. Naquela altura os chamadeiros do desaparecido Concello de Xeve non foron xeorreferenciados e o traballo quedou a medio facer, por iso agora andamos de novo ás voltas coa toponimia de aquén.

Sanmartín recorda que Gonzalo Navaza, o mellor toponimista de noso, lle apuntara a posibilidade de que Maúnzo derivase de maínzo, sinónimo do millo groso (Zea mays), unha voz que xa aparece incluída no dicionario de Don Eladio (1958-1961). Ambas voces poderían proceder das voces de orixe tahína “Maïs” ou “Maíz”, posteriormente latinizadas como MAIZIUM ou MAIZUM, e que Navaza cre que só poderían explicar o noso Maúnzo no caso de ser este un topónimo recente, eis, con orixe nos últimos séculos. Ademais, continúa Navaza, “esa alteración de Maínzo en Maúnzo é rara porque na vogal tónica sería raro o paso de i > u”.

Con todo, sobre a base do que sabemos a día de hoxe, non podemos descartar que Maúnzo deba o seu nome a esta planta herbácea, xa que se localiza aos pés dunhas fértiles terras de labor ben irrigadas polo Río Fontáns que, ateigado de muíños, percorre de norte a sur a veciña freguesía de Sta María de Xeve. Non en van, xa no Dicionario de Madoz (1850), cando nos fala dos principais cultivos da parroquia de Santo André de Xeve, cítase o “maíz, centeno, habichuelas, patatas, lino, vino, hortaliza y frutas”, e un cento de anos antes, no Interrogatorio do Marqués da Ensenada (1751), faise constar que “las especies de frutos que se cogen enel termino son, la maior y más principal parte maiz, centeno, algun lino, mijo menudo y Panizo (…)”; nótese como en cen anos deixa de cultivarse o paínzo ou millo miúdo en favor do cereal americano, o millo ou maínzo, máis rendible e produtivo, que dispara a construción de muíños hidráulicos.

Tamén no Interrogatorio aparece citado o noso topónimo:

“(…) Y ademas deello tambien percive el Conbento de Religiosas de Santa Clara de la Villa de Pontevedra los medios diezmos del lugar de Martizes, y parte de el de Fontanes, y Maunzo, donde tienen algunos forales (…)”

A única vía para dar no cravo é buscar documentación antiga do topónimo pontevedrés, algo do que agora non podemos ocuparnos. De entrada Navaza cre que “Maúnzo pode ser o resultado dun latín *MANUTIO,*MANUCIO” ou algo parecido, que parece prerromano. Se Maúnzo xurdise para designar unha chaira, a raíz MAN- podería estar emparentada co altomedieval MANIOLA (hoxe Mañó, e tamén Trasmañó), pero se o nome se debe a un curso de auga, un regato por exemplo, podería ser o resultado dun *OMANUTIO ou *OMANUCIO ou semellante, derivado dun hidrónimo tamén prelatino OMANO, que é o étimo de moitos Río Mao e doutros hidrónimos semellantes (Omaña etc)”.

Na terceira viaxe a América de Cristóbal Colón, o almirante escribira no seu diario que na Isla Fernandina os indios “… hicieron traer pan y de muchas maneras de frutas e vino… mas no uvas… y así mismo debe ser dello de maíz, que es una espiga como una mazorca que llevé yo allá, y hay ya mucho en Castilla… “. Non se sabe con certeza se Colón trouxo o millo ou maínzo de volta na primeira ou segunda das súas viaxes, pero si sabemos que o cultivo deste cereal en Europa iniciouse na península Ibérica a comenzos do século XVI. Sería este emigrante americano o que lle regalou o seu nome a esta aldea de Xeve?.